O BNG pedirá ao pleno da Deputación a disolución de Suplusa

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo informou que, no pleno que se celebrará o vindeiro martes, defenderá unha iniciativa para promover a disolución de xeito inmediato da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA). Xosé Ferreiro explicou que “a disolución leva consigo de forma inseparable a asunción por parte da Deputación de todos e cada un dos compromisos que tivera adquirido esta sociedade, sobre todo no referente ao persoal tanto en activo como o seleccionado para traballar nas residencias da Deputación”.

Asi mesmo o BNG propón, tamén, que, de xeito paralelo ao proceso de disolución, se forme unha comisión coa participación de todos os grupos políticos do Pleno, para poñerse a traballar na constitución dun novo medio propio “que estea realmente ao servizo da Deputación e que axude a mellorar os servizos que esta institución pode ofrecer aos concellos e ás veciñas e veciños”.

Ferreiro lembrou que os conflitos comezaron no momento no que “as liortas internas do PSOE crearon unha bicéfala que nunca debeu existir e o PP quixo aproveitalo para conseguir réditos electorais”. “ O PSOE nunca debeu promover que a presidencia de SUPLUSA fose diferente da presidencia da Deputación, foi unha irresponsabilidade” afirmou Ferreiro e engadiu “tanto o PSOE como o PP están utilizando as residencias e a SUPLUSA como unha ferramenta electoralista e nós non estamos dispostos a participar nese xogo”.

“A situación na que se atopan as máis de 60 persoas que foron seleccionadas no seu día para traballar nas residencias da Deputación tamén merece unha mención especial” dixo Xosé Ferreiro e indicou “vai ser moi complicado que SUPLUSA poida asumir este compromiso de contratación, sendo perfectamente conscientes que a única solución que lles queda para poder incorporar a estas persoas ao posto de traballo para o que foron seleccionadas sería que a Deputación asumise todos os compromisos de SUPLUSA, incluíndo por suposto ao persoal, tanto o que esta é activo como o que xa está seleccionado para traballar”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo