O BNG propón habilitar o pantalán dos Robles como zona de baño libre

O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, propuxo aproveitar as infraestruturas de embarque do catamarán da Deputación que están situadas na zona dos Robles para que as persoas que queiran bañarse poidan utilizalas para o acceso ao río. Arroxo sinalou que “a actuación sería moi simple, non suporía un grande custo e daría servizo como zona pública de baño xa que o PSOE non é capaz de facela” e explicou que “habería que sinalizar a zona e destinar parte do persoal de salvamento que se contrata durante o verán para que se faga un vixilancia específica nesta zona”.

 Dende o BNG proponse acometer unha sinalización da zona de baño para evitar que bañistas invadan as zonas máis sensibles ambientalmente pola flora e fauna que posúen. Poderían delimitarse a zona de baño con sinalización flotante para facilitar o traballo do servizo de socorrismo. “Ademais é importante delimitar os espazos a utilizar por bañistas e piragüistas dado que está é unha zona habitual de adestramento” explicou Arroxo e concluíu “o propio Concello de Lugo ten técnicos cualificados cos que se pode contar para establecer as condicións idóneas para a zona de baño libre”.

“Xa que a Deputación suspendeu o servizo de Catamarán en Lugo, podería aproveitarse o pantalán como acceso de baño libre ao río” dixo Rubén Arroxo. O goberno da Deputación decidiu, este ano, deixar inactivas as rutas de catamarán na cidade Lugo e esto supón que o pantalán que se utilizaba para acceder aos barcos quedará sen uso “pero podería ser acondicionado para que tivese unha utilidade verdadeira para as veciñas e veciños de Lugo que se achegan ao río durante o verán”, asegura Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com