O BNG volve a rozar o camiño do Rato ante a “inacción” do goberno municipal

O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xa anunciara a medidados de agosto “estar disposto a organizar brigadas veciñais para rozar a vexetación se o goberno municipal non acomete as súas responsabilidades en menos de 10 días”. Dito e feito, militantes e simpatizantes do Bloque Nacionalista reuníronse esta tarde para limpar de maleza o tramo de camiño que une o paseo do Miño co do Rato.

O sendeiro que está situado paralelo á N-VI estaba practicamente pechado pola maleza, causando molestias as centos de persoas que diariamente se moven pola zona. Arroxo, sinalou que “demandamos en numerosas ocasións que se fixera unha limpeza da maleza pero parece que ninguén actúa e por iso decidimos facer esta acción simbólica unha vez máis”.

O portavoz nacionalista explicaba que semella pouco coherente que dende a administración se lle estea esixindo aos propietarios a limpeza dos seus terreos, e despois sexa a propia administración a primeira en incumprir dita normativa “quen primeiro ten que dar exemplo na limpeza das fincas ten que ser a administración, cousa que agora mesmo non se está a dar”.

O BNG quixo lembrar que hai un ano xa organizaron unha brigada para rozar un camiño que une os parques do Miño e do Rato, posto que non existía un paso accesible e coidado, cuestionando que un ano despois siga sen existir ese paso, e ese en concreto xa case volve estar pechado.

O concelleiro do BNG explicou que “non é aceptable que se deixe pechar o camiño pola maleza nestes momentos non era posible cruzarse dúas persoas, nun sendeiro que cando está limpo ten un ancho cómodo e seguro”. Cómpre ter en conta que é un tramo curto de en torno a 300m, “e que non supón ningún esforzo económico para a administración mantelo despexado”.

O portavoz nacionalista lamenta o pouco interese que teñen as diferentes administracións nas zonas verdes do municipio “temos o luxo de vivir nunha cidade rodeada de espazos que son unha autentica marabilla, mais a pesar disto as administracións fan moi pouco por mantelas atendidas”, explicaba o concelleiro do BNG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo