O CD Lugo únese aos refuxiados Za’ataris coa nova equipación

A camiseta do primeiro equipamento do CD Lugo desta tempada, ten un carácter solidario-social, que non foi revelado ata o xoves pasado. Tino Saqués, presidente da entidade albivermella participou o pasado día 13 de setembro na gala benéfica Treze Luzes, cuxo fin principal foi a recadación de fondos para a Fundación Meniños, organización que traballa en prol dos dereitos dos nenos en risco de exclusión social.

Durante o evento poxáronse diferentes lotes, entre os cales se atopaba a camiseta albivermella do CD Lugo asinada por todo o persoal. A recadación benéfica superou as expectativas máis optimistas e, de seguro, o evento solidario Treze Luzes converterase nun habitual no calendario do club.

Precisamente esta foi a cita elixida para que o Club Deportivo Lugo dese a coñecer o carácter solidario que impregna a camiseta albivermella da tempada 2018/2019. Este período será testemuña dun programa con alma, creado por La Liga e a súa fundación, onde a práctica deportiva e a socioeducativa camiñarán da man. O proxecto desenvolverase no Za’atari refugee camp (un dos campos de refuxiados máis grandes do mundo, situado ao noroeste de Xordania) que acolle desde 2012 a persoas que fuxiron do terror da guerra en Siria, entre as cales 40.000 son menores.

O Club Deportivo Lugo participará en cooperación con La Liga nun programa educativo a través dun deporte, o fútbol, que non entende de fronteiras, educa en valores, difunde hábitos de vida saudables, mellora a convivencia e sobre todo que é un impulso para que os nenos e mozos de Za’atari poidan edificar un futuro mellor.

Dentro deste proxecto, entre outras formas de colaboración, o equipo lucense levará a cabo a doazón de equipamentos de xogo para os máis novos. Un modo singular de identificarnos como club neste proxecto, foi o deseño exclusivo da camiseta do primeiro equipamento para esta tempada, debido a que sobre o fondo albivermello, incluíuse unha trama que representa os valores de unidade, adhesión e solidariedade co campamento Za’ atari e a comunidade de refuxiados mundial. O 2% dos ingresos pola comercialización da camiseta albivermella destinaranse á compra de artigos de primeira necesidade para os nenos e mozos Za’ ataries.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com