O Centro de Formación Ocupacional programa 17 actividades formativas para 250 alumnos

O Centro de Formación Ocupacional de Lugo situado en Montirón, que depende da Consellería de Economía, Emprego e Industria, programa para este curso 17 actividades formativas nas que poderán participar 250 alumnos e alumnas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o centro para comprobar o resultado das obras de reforma que se executaron durante o verán, nas que a Xunta investiu 325.000 euros.

As obras consistiron fundamentalmente na substitución das carpintarías exteriores e na renovación da cuberta, para mellorar o illamento e o confort térmico. Deste xeito, apuntou Balseiro, “a Xunta continúa apostando pola mellora das instalacións de formación e a optimización dos recursos, con medidas eficientes que contribúen a aforrar custos enerxéticos e emisións contaminantes á atmosfera”.

O delegado subliñou que o centro de formación de Lugo “cumpre un importante papel na cidade, non só coa realización de cursos propios senón como referente para accións formativas doutras entidades ou para os procesos de recoñecemento da experiencia laboral”.

Así, as instalacións acollen as aulas de formación do programa Incide, da Dirección Xeral de Comercio; nestes momentos estase a celebrar un curso sobre a Competitividade do comercio, no que participan máis de 20 persoas.

Tamén comezará a segunda edición dunha lanzadeira de emprego que pretende axudar aos participantes a atopar un posto de traballo exercendo de vínculo coas empresas, proxecto no que ten participación o Goberno galego xunto coa Fundación Santa María la Real e a Fundación Telefónica.

Igualmente, o centro é sede para o procedemento de recoñecemento da experiencia profesional no eido da atención ás persoas en situación de dependencia, tanto en institucións como a domicilio. Alí se realizan as probas para que quen teña traballado neste ámbito poida acreditar os coñecementos adquiridos e obter un título oficial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com