O Concello aproba a plantación de arboredo en 5,1 hectáreas de terreo público nas Gándaras e O Ceao

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou este mércores unha nova acción do proxecto Lugo+Biodinámico que consiste na plantación de 5,1 hectáreas de terreo público no entorno dos polígonos das Gándaras e O Ceao con frondosas autóctonas para a produción de madeira de alta calidade e con especies de elevada eficiencia enerxética para xerar biocombustibles, segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Esta iniciativa, subliñou o concelleiro, “contribuirá a facer de Lugo un modelo de cidade verde, cun urbanismo sostible e punteira na implantación de medidas en favor dun mellor aproveitamento forestal, o que aumentará a calidade de vida dos veciños e abrirá novas oportunidades económicas”.

A nova acción do Life contempla dúas liñas de actuación, a primeria, o acondicionamento de tres parcelas demostrativas para silvicultura de frondosas autóctonas, que producen madeira de alta calidade. Plantaranse 4.510 exemplares de pradairo, carballo, cerdeira e freixo en 4,1 hectáreas de terreo: 2 delas nas Gándaras e as outras 2,1 no Ceao. E a segunda, o acondicionamento dunha área demostrativa para experimentar con cultivos enerxéticos para a produción de biocombustibles sólidos en formato de estelas.

Plantarase 1 hectárea no polígono das Gándaras con chopo e con miscanthus giganteus, un pasto cun alto rendemento en biomasa. Esta madeira utilizarase como combustible para o edificio de consumo enerxético cero que se prevé tamén habilitar no marco do Lugo+Biodinámico.

Os traballos consisten na preparación do terreo, a plantación e o peche perimetral das superficies obxecto da actuación con malla cinexética. Unha vez aprobado hoxe na Xunta de Goberno este proxecto, poderase iniciar xa a súa execución. O plan foi elaborado polo Servizo de Parques e Xardíns do Concello, en colaboración coa Universidade de Santiago, socia no plan Life, e a entidade que se ocupará de acometer as actuacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com