O Concello retira a Lei Mordaza

A alcaldesa de Lugo anunciou esta mañá, ante as preguntas dos xornalistas, que o goberno local retirou a Ordenanza Cívica ou de Seguridade Cidadá que pretendía aprobar o equipo de goberno para poñer fin a diferentes problemas que se puideran ocasionar de convivencia entre a cidadanía lucense.

A rexedora fixo estas declaracións preguntada sobre o ultimatum que lle daba o voceiro nacionalista e no que esixía a retirada deste borrador se quería seguir tendo o apoio do BNG no que queda de mandato. Lara Méndez afirmou que “non se pode desbotar o que non existe, o que non está aprobado; ao igual que non se pode retirar un apoio que non se ten”.

Pero o certo é que o equipo de goberno pretende deixar aparcado este borrador de Ordenanza Cívica dado que, aínda que podería aprobalo con maioría plenaria -os socialistas contan co apoio do PP e Cidadáns neste tema-, a alcaldesa asegurou que non o aprobarán ata que non se chegue a un acordo entre todas as forzas. “Dixémolo dende o principio, cando empezamos a traballar no documento, unha parte da veciñanza viña reclamando actuacións en certos campos, e sendo un documento sensible, o que queríamos era ter o máximo consenso”, explicou a rexedora quen reiterou que “o obxectivo do goberno non era aprobala sen máis, senón buscar un consenso, un diálogo e unha solución aos problemas da cidadanía”.

A alcaldesa concluíu resaltando que utilizarán “outros instrumentos” para acadar a mesma seguridade cidadá.

A oposición, dividida

Tras estas declaracións, a oposición do goberno local atópase dividida. Mentres Lugonovo e BNG felicitan á rexedora por escoitar as voces que rexeitaban esta Ordenanza, o PP tilda a Méndez de “covarde” por botar para atrás este documento.

“A cidadanía luguesa e os partidos progresistas como Lugonovo acaban de obrigar ao goberno lugués a recuar no deseño dunha normativa que degradaría as liberdades públicas e individuais no noso Concello. É un triunfo da tolerancia, do civismo e de toda a veciñanza”. Así resumiu Cristina Pérez Herraiz o panorama aberto logo da renuncia da alcaldesa, quen ao seu tempo lamentou que “novamente, a alcaldesa volve utilizar a prensa para adiantar informacións que non proporciona polas canles adecuadas ao resto de grupos políticos”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Rubén Arroxo, felicitou a todas as veciñas e veciños de Lugo “que se implicaron en demandar a retirada da Ordenanza Mordaza que o goberno municipal tiña previsto implantar no concello”. “Non é éxito de ningún partido é un logro das veciñas e veciños” dixo Rubén Arroxo.

O voceiro Popular lamentou, pola súa parte, a “rendición” de Lara Méndez á chantaxe do BNG e asegurou que esta é a “evidencia” da “covardía política” da rexedora lucense, unha liña que, sengo Ameijide, rexe o seu goberno, sempre “plegándose” á chantaxe dun grupo de dous concelleiros, cando tiña o apoio do grupo con maioría, do PP. Para o popular, a alcaldesa está a “seguir perfectamente a liña política marcada por Pedro Sánchez”, pagando as débedas adquiridas cos grupos minoritarios da esquerda, aos que “lles deben os cargos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo