O Concello reduce a 16 días o período medio de pago aos provedores

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou esta mañá de que o Concello reduciu a 16,84 días o Período Medio de Pago (PMP) aos provedores en abril, o último mes contable pechado, no que liberou pagos por un importe total de 3,4M€. Deste xeito, o prazo sitúase en 14 días por debaixo do límite legal establecido (de 30),  e supón unha reducción do 80% con respecto a marzo.

Ana Prieto explicou, tal e como xa o fixo no último Pleno, que está comezando a incidir na axilización dos trámites para o pago a implantación integral da factura electrónica, que, “como dixemos dende un principio, non ía ter efectos inmediatos, senón que se iría notando progresivamente”. Así mesmo, como indicou igualmente a Concelleira na sesión plenaria de maio, o abono de minutas de exercizos anteriores a través de recoñecementos extraxudiciais de crédito, sobre todo correspondentes a eléctricas, tamén contribúen a ir rebaixando o período de pago a provedores.

O PMP, como establece a normativa estatal actual, resulta dos días naturais que de media transcorren entre a data de aprobación das certificacións da obra ou servizo ata o pago efectivo. “Aínda que temos que mellorar na fase que vai dende o rexistro da factura á súa conformidade polos servizos técnicos e os políticos, tamén é certo que gañamos eficacia no circuíto administrativo, como demostra o PMP de abril, e por esta liña avanzaremos, cun traballo serio, rigoroso e responsable”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo