O COTSG denuncia que a Xunta é a única autonomía que non inclúe os factores sociais na valoración de discapacidade

Nun comunicado o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), di: o artigo 1 do Real Decreto 1971/1999, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, dispón que o recoñecemento do grao de discapacidade ten que ser uniforme en todo o territorio do Estado. Con iso garántese a igualdade de condicións para o acceso da cidadanía aos beneficios, dereitos económicos e servizos que os organismos públicos outorguen.

Segundo o COTSG, “a Comunidade Autónoma Galega é a única que inclúe na súa solicitude a posibilidade de renunciar á valoración dos factores sociais complementarios”. O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), alerta de que a opción que vén marcada de xeito predeterminado na sede electrónica é o NON. Desta forma, as persoas galegas con discapacidade quedan en desvantaxe con respecto ao resto do Estado e, indican as traballadoras sociais, “poden estar renunciando a 15 puntos na valoración sen ser conscientes”.

Dende o COTSG sinalan que o mencionado decreto expón no seu artigo 5 que “a porcentaxe obtida na valoración da discapacidade modificarase mediante a adición da puntuación resultante na valoración dos factores sociais complementarios”. Ademais, a norma dispón que a porcentaxe mínima de recoñecemento de minusvalía é o 33%, polo que “a puntuación dos factores sociais resulta determinante na maior parte das veces para acadar dita porcentaxe, mesmo a do 65% que facilita o acceso ás prestacións económicas”.

Á luz de todo isto, desde o COTSG afirman que é “evidente” que a Xunta está a levar a cabo “varios incumprimentos”: por unha banda “priva ás persoas usuarias da valoración dos factores sociais complementarios, decisivos para o recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%”.

Sinalan tamén desde a institución os “retrasos na valoración das galegas e galegos, de ata 3 anos en Vigo e Pontevedra, que están a sufrir un agravio comparativo con respecto ás persoas doutras Comunidades”. Ao fío disto sosteñen que a Xunta, “non está a tomar medidas que modifiquen esta situación, pois non contrata de xeito estable novos equipos de valoración”.

Tamén desde o COTSG tamén poñen o foco na propia normativa por outra serie de concpetos e dín “Xa non é que contradigan a normativa estatal, contradinse a si mesmos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo