O crime de O Ceao

Hai unhas semanas, cumpríronse 24 anos do malfadado día en que a miña xente e máis eu estábamos unha nave do polígono de O Ceao, traballando no que cinco meses despois ía ser Televisión Lugo, a pouco máis de cen metros da nave de Cash Record, onde ás sete e media da tarde alguén asasinou á caixeira Elena López e ao repoñedor, Esteban Carballedo.

Cen metros de distancia impediron que souberamos do tráxico acontecemento, e vinte e catro anos de distancia impediron que as forzas de seguridade e o poder xudicial coñeceran exactamente o que pasou, quen o fixo, e que tomaran as medidas que a Lei prevé para un roubo alevoso con resultado dun dobre asasinato.

Os mozos daquela, son hoxe persoas de idade madura; os nenos son maiores; o tempo vai facendo que determinados acontecementos perdan actualidade, e o dobre asasinato do Ceao hoxe sería un lonxano recordo esvaído no tempo, se non fose  porque as familias non esquecen, e cada cabodano aproveitan para dar unha badalada de atención a todos nós, para que non esquezamos o feito e aos poderes públicos para que sigan traballando por esclarecer esta traxedia.

Os procesos xudiciais teñen os seus prazos, e en base a eses prazos o tema pode ser esquecido oficialmente ou lembrado, segundo proceda como resultado das investigación. E cabe supoñer que as forzas de seguridade nunca esqueceron o tema, estudiaron todas as posibilidades, investigaron nas posibles liñas de pescuda, e se case un cuarto de século despois aínda non temos resultados, abandonar o tema sería darse por derrotados nun caso no que a sociedade non pode ser derrotada.

Que poderosa a forza do amor que fai que os familiares non perdan a fe e a esperanza en que ten que ser posible coñecer a verdade e poñer a quen resulte culpable a disposición da xustiza para que proceda como a Lei dispoña!.

Para que non haxa esquecemento por parte de ninguén, as familiares dos asasinados vestíronse como damas da xustiza e concentráronse diante dos xulgados o día que se cumpriron os 24 anos daquelas mortes. Para que ninguén esqueza que os mortos de xeito alevoso, tantos anos despois, seguen pedindo xustiza.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com