O goberno local recibe duras críticas da oposición tras a presentación do plan de obras que pretenden levar a cabo cunha modificación de crédito

A Xunta de Goberno deste mércores deu luz verde a tres expedientes de modificación de crédito nos que, entre outros, se consignan 1,3 millóns de euros para licitar este ano a peonalización da Praza da Milagrosa e de Quiroga Ballesteros, así como a instalación dunha cuberta nesta última rúa. Posteriormente, estes documentos debateranse na Comisión de Contas e o vindeiro xoves, 29 de xuño, procederase á súa votación no Pleno Municipal.

Ante esta situación, a maioría dos partidos da oposición quixeron deixar constancia de que o seu voto será en contra fronte a modificación de crédito.

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo votará en contra no vindeiro Pleno do que tildou de Orzamentos encubertos que a alcaldesa, Lara Méndez, presentou onte mediante a modalidade de modificación de crédito das contas de 2016. Para Louzao este anuncio da rexedora mostra a cobardía dun goberno falto de ideas e sen un proxecto definido. O grupo municipal afirma que os investimentos que propón o ente municipal son complicados de executar e deixan á marxe capítulos importantes como, dixo, o de persoal e o de contratos.  

O BNG-AA tamén respondeu a este anuncio da alcaldesa. O seu voceiro, Rubén Arroxo, asegurou onte que despois de coñecer a proposta do goberno para un plan de obras que se xestará a través dun suplemento de créditos, proporá que a votación para a aprobación dos investimentos se faga no pleno un a un.

Por outra banda, o Grupo Municipal do Partido Popular amosou “a súa decepción tanto pola forma como polo contido dos investimentos que presentou o goberno socialista”.  O voceiro do partido, Antonio Ameijide, explicou que os socialistas non foron capaces de sacar adiante os orzamentos e, agora, sorprenden cunha serie de proxectos salvavidas que ninguén confía que sexan capaces de executar. Ante esta situación, o popular denuncia que a modificación de crédito que propón o goberno socialista vén dada pola súa mala xestión.

Por último, o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha únese á denuncia popular en canto ás formas coas que o goberno municipal aborda a negociación do paquete de investimentos. Rocha asegura que “se a oposición ten dignidade en ningún caso pode aceptar a trágala, unha manobra táctica orquestada polo goberno municipal“.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com