O Mercado Medieval de Mondoñedo suma uns 150 postos e máis de 70 actividades

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presentou hoxe a XXVII edición do Mercado Medieval acompañada de representantes das asociacións colaboradoras e dos voluntarios. A rexedora destaca a incorporación de novos contidos, así como unha maior presenza nesta edición de autores locais, como Souto Xímaro, Gaita Escola, Mondrum e a colaboración da Escola de Música, dos voluntarios e de Pasatempo.

A cita, declarada o ano pasado Festa de Interese Turístico Galego, desenvolverase entre o venres 10 e o domingo 12 de agosto cunha ampla programación que recolle animación de rúa, música, actividades de recreación histórica, demostracións e obradoiros para todas as idades, degustacións e venda de produtos da terra. Serán un total de 150 os postos que, engalanados para a ocasión ao xeito da Idade Media, enchan as rúas da cidade que agarda celebrar máis de 70 actividades ao longo da fin de semana.

A rexedora mindoniense agradeceu durante a presentación a colaboración das asociacións como Amigos do Mercado Medieval, Xoldra e O Pasatempo que “ano tras ano traballan desinteresadamente nesta cita”. De feito, polo seu interese e implicación será José Ramón Montenegro (Espina) o pregoeiro desta edición do Mercado Medieval.

A integración dos veciños e colectivos do municipio nesta celebración queda demostrada coa participación dos membros da Escola de Música que estrearán un espectáculo de teatro musical o vindeiro venres 11 de agosto ás 00:00 horas no atrio do Seminario con entrada gratuíta.

En total, haberá preto de 50 persoas sobre o escenario para darlle vida á obra ‘O amor de Afonso Reimúndez’, elaborada por Xan Carballal sobre un texto histórico do activista cultural Xosé Peinó. Desde a Escola de Música, os seus mestres explican que se buscaba unha historia que tivera que ver coa época medieval mindoniense, unha obra recreada na vida do monarca do século XII e a súa vinculación con Mondoñedo.

Para levar a cabo esta representación de teatro e música cóntase co alumnado da Escola de Música de Mondoñedo, así como músicos doutras agrupacións de Lugo e do grupo Souto Xímaro. O elenco de actores e cantantes levan desde o mes de marzo traballando na obra, na parte vogal e na teatral.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, agradece que a Escola de Música de Mondoñedo se involucre nesta celebración e explica que esta colaboración pretende darlle “un maior protagonismo á Escola de Música dentro dos actos do Mercado Medieval, como unha forma de ensinar o traballo que fan e de seguir reforzando o programa con novas e interesantes propostas”.

Tamén Gaita Escola, Souto Xímaro ou Mondrum se unen á celebración achegando música a esta cita medieval que contará cos títeres de Mircromina.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com