O piano de pedra de Ramón Chao

Moncho Paz deume a nova do pasamento de Ramón Luis Chao Rego, membro da familia que rexiu o vello Hotel Chao. Aínda que só me levaba doce anos, cando eu era neno Ramón Chao xa tiña en Vilalba a súa lenda, gañada a pulso desde os seus primeiros pasos polo mundo da arte. Empezou a tocar o piano no hotel familiar, relacionándose con todos os importantes que naquela casa recalaban; estudiou piano na compaña de Eugenio Basanta, e moi axiña conseguiu unha beca do concello e outra da Deputación provincial para estudiar piano e harmonía en Madrid.

Seu pai – que soñou con que o seu irmán Xosé fose bispo- quixo que el fose un gran pianista, e quizais por iso Ramón non seguíu por ise vieiro, libre como sempre foi para camiñar pola vida, se ben Xulian Parga fíxome chegar o programa dun concerto que deu no Círculo das Artes de Lugo, en xaneiro de 1955, con 20 anos, organizado pola Sociedade Filarmónica e patrocinado por Información y Turismo, con obras de Beethoven, Schuman, Schubert, Chopin, Debussy, Falla, Granados e Turina.

Foi grande na comunicación a través de Radio Francia internacional, creou o Premio Juan Rulfo, escribiu en Triunfo, e ocasionou un terremoto en Vilalba cando publicou a obra “El lago de Como”, que a ninguén deixou indiferente.

O Chao de máis sona en Galicia, no eido do pensamento, da Igrexa e da sociedade, foi sen dúbida seu irmán Xosé, teólogo, pensador e escritor. A nivel internacional foi el, ata que chegou o seu fillo, Manu Chao, que lle tomou a dianteira urbe et orbe.

Coñecido por todos os vilalbeses, non o tratei ata o momento en que se lle erixiu un fito no Paseo dos Soños, que non podía ser outra cousa que un piano, neste caso de pedra, que Beiras estrenou facendo como que tocaba na honra do seu amigo, xa daquela algo aqueixado físicamente.

Como este martes estiven en Vilalba para participar no xurado do Certame Benxamín Paz, do Insua Bermudez, quixen lembrar in situ a Ramón no Paseo dos Soños e contemplar o seu piano, testemuña pétrea de que en Vilalba houbo un gran pianista que quixo voar moi alto e conquistou mundos a través da Radio facendo gala dunha independencia que raras veces se consegue.

Ata sempre, Ramón Chao, vilalbés mundial na capital francesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com