O Pleno urxe a corrixir as deficiencias do complexo de Augasmestas en Quiroga

O Grupo Provincial do PP levou hoxe a Pleno unha moción para urxir ao Goberno provincial a corrixir, de forma inmediata, as deficiencias que están a dificultar e impedir a apertura do complexo turístico de Augasmestas, en Quiroga. Unha moción que presentou a voceira da agrupación, Elena Candia e que foi aprobada pola unanimidade da corporación.

A voceira do PP, Elena Candia, explicou que “é unha pena” ver como están as instalacións despois de todo o investimento que se ten feito. “Será un exercicio de responsabilidade que isto se resolva”, expuxo. A voceira lembrou que en 2008 a vicepresidenta da institución, a nacionalista Vega Buján, anunciaba a recuperación de Augasmestas cun complexo turístico pioneiro en España que abriría en 2010. O mesmo facía en 2014 Besteiro coa aprobación dun concurso para rehabilitar as instalacións. “Sempre eran proxectos renovadores e ambiciosos coincidindo con datas electorais, pero as instalacións seguen pechadas”, precisou.

A popular lamentou o abandono e despreocupación por parte da institución que nestes anos sufriron diferentes edificios da Deputación, non só en Quiroga. “Se de febreiro a xullo só houbo unha chamada á concesionaria demostran pouco interese. Nunca lles preocupou salvo en época electoral, cambien de actitude, implíquense e póñano en marcha canto antes”, pediu. Candia reclamou que os socialistas abandonen os brazos caídos con Augasmestas e se reúnan coa concesionaria e lle axuden en relación cos permisos pendentes. “Cumpran cos veciños, co principio de responsabilidade e con vostedes mesmos e as súas promesas”, replicou.

A Deputación adxudicou no ano 2015 a xestión deste complexo a unha empresa privada; pero a día de hoxe continua pechado e sen data para a súa apertura porque “a Deputación non fixo os deberes”, indican dende o Grupo Provincial do PP. Así as cousas, os populares non teñen coñecemento de que as instalacións conten co correspondente permiso por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o paso previo para que o Concello de Quiroga poida conceder a licenza de apertura.

Pola súa banda, o socialista Eduardo Vidal Baamonde asegurou que periódicamente manteñen contacto co adxudicatario da concesión. A última reunión tivérona en febreiro deste ano tras a que o adxudicatario asegurou que ía renunciar a esta concesión e que os seus avogados estaban redactando a renuncia. O que extranou ao deputado socialista foi a “casualidade” de que días antes de rexistrar o PP esta moción “o adxudicatario volveu a chamar e dixo que seguiría co complexo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com