O PP acusa á Deputación de dinamitar o modelo de xestión das residencias

O Grupo Provincial do PP denuncia que a Deputación de Lugo vén de rebentar o modelo de xestión que permitiría a apertura inmediata das residencias, como así evidencia, segundo os populares, a contratación dunha empresa privada á que lle pagará máis de 18.000 euros para que elabore un novo modelo.

O PP critica que o Goberno socialista deixe agora en mans dunha empresa privada unha decisión tan transcendental, o modelo de xestión das residencias, o que “demostra que non tiñan ningunha folla de ruta, nin alternativa e que seguen retrasando a súa apertura sen que exista xustificación algunha”.

En concreto, o Goberno do PSOE asina con data de 18 de maio un decreto para a contratación do “Proxecto de prezos do servizo a prestar nos centros de atención a persoas maiores de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil, sustentado nun estudo de viabilidade económica-financeira dos citados centros, e que poida ser a base para a elaboración dunha memoria relativa aos aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros da actividade”.

Para os populares esta contratación reflicte que a pretendida rescisión do convenio de Suplusa sobre as residencias por parte do PSOE non traía consigo ningunha solución alternativa e que o único era seguir demorando a apertura dos centros e dilapidando recursos públicos. Así, o PP critica que os socialistas que gobernan a Deputación de Lugo gasten diñeiro contratando a empresas privadas porque non se fían dos funcionarios públicos da institución, cando o persoal do departamento de Servizos Sociais podía ocuparse deste traballo.

“Estamos ante un Goberno no que os deputados non se fían un dos outros e tampouco do persoal que integra os servizos da institución. A imaxe non pode ser peor”, explican os populares.

Puñaladas do PP

Pola súa banda, a Deputada de Promoción Económica e Benestar Social, Sonsoles López Izquierdo, denunciou hoxe o que tildou de puñalada que dá o PP a todos os lucenses co gasto de máis de 100.000 euros en soldos en SUPLUSA e doutros 1.300 euros por cada día de reunión. Para a socialista é un escándalo que o PP axude a cambiar os Estatutos de Suplusa e non queira dar a cara no pleno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com