O PP acusa a Lugonovo e Ciudadanos de “criminalizar” a todos os donos de cans

A concelleira do PP municipal, Ana López Pombo, acusou esta mañá en rolda de prensa a Lugonovo e Ciudadanos Lugo de “criminalizar a todos os donos decans” e, paralelamente, de “desincentivar a adopción destes animais, por non falar de que poidan chegar a promover o seu abandono”, coas súas “peregrinas solucións” para combater a presenza de feces animais.

Nesa liña, a edil popular afondou en que “coas súas declaracións, o único que fan é manipular e transmitirlle á veciñanza a idea equivocada de que cómpre adoptar medidas grandilocuentes, cando o certo é que se a alcaldesa aplicase a lei este problema deixaría de existir, sen máis ocorrencias”. “Pero igual que Lugonovo e Ciudadanos foron os cómplices necesarios do PSOE para a creación do cargo político da Dirección Xeral de Persoal, parece que agora tamén queren ser cómplices de que as rúas de Lugo se atopen cada día máis sucias”, sinalou López Pombo.

A popular lembrou tamén que a lei interpón sancións de entre 30 e 300 euros por non recoller os excrementos evacuados por un animal doméstico na vía pública e incidiu en que “se en 2016 non houbo nin unha soa sanción por esta infracción foi simplemente porque a alcaldesa non quixo porque as competencias son exclusivamente súas e conta con ferramentas para facelo”.

Así mesmo, López tacha de “demagoxia e ocorrencias” as declaracións “insensatas e sen ningún rigor” dos edís Fernández Rocha e Expósito, quen coas súas propostas “descabelladas” deixan “desamparados e desprotexidos aos propietarios responsables dos animais”.

Respecto da iniciativa de Lugonovo de ter un censo de ADN canino para identificar as feces, a edil popular aclara que “a competencia da ADN correspóndelle á Xunta de Galicia, polo que sería ilegal crear unha base de datos municipal”. “Iso por non falar de que previamente se precisaría unha ordenanza que obrigase aos propietarios a facilitar unha mostra biolóxica para ese banco”, subliña López, ao tempo que se pregunta “quen recollería estas mostras porque se a Policía Local nin sequera recibe ordes para vixiar as deposicións, parece que máis difícil sería que recollesen eles os excrementos”.

Pola súa parte, Lugonovo recalca que o censo de ADN canino está sendo a solución para estas deposicións na vía pública en lugares como Alboraya ou Mislata (Valencia) e que as xestións para a súa implantación en grandes cidades como Zaragoza ou Málaga está moi avanzada. Dende esta agrupación suxiren ao concelleiro de medio ambiente a realización dun estudo, en primeiro lugar xurídico e logo técnico e económico da medida.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com