O PP considera “sospeitosa e inexplicable” a decisión de non esixir a titulación de inglés para traballar nas oficinas de Turismo

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, reclama á alcaldesa que “reconsidere a súa decisión de non esixir “un diploma acreditativo de coñecemento de inglés” no proceso de selección do persoal que traballará na oficina de turismo e nos museos de Lugo. O popular considera “sospeitosa e inexplicable esta decisión” xa que os datos de número de turistas que nos visitan indican que cada vez son máis estranxeiros os que pasan por Lugo. De feito no último semestre pola oficina de turismo da Xunta un 22% das consultas foron formuladas por estranxeiros fronte ao 14% que houbo en todo o ano 2017.

Para denunciar este proceso selectivo os populares presentaron un modelo ficticio de solicitude para os aspirantes a estes 17 postos de traballo no que a alcaldesa “substituiría o requisito de saber inglés por ter carné de partido,  folla de servizos prestados ou cartas de recomendacións, entre outros”.

Ameijide explicou que nos pregos para a xestión das oficinas municipais de turismo e dos museos reflíctese que “a supresión do requirimento do título oficial en inglés equivalente ao B1 é consecuencia da reflexión realizada sobre as necesidades reais da prestación do servizo… polo que para desenvolver dunha forma apropiada esta función requírese un dominio do idioma a nivel práctico, feito que, ás veces, un diploma non chega a asegurar totalmente”. Unha medida que contrasta con que si que pidan o título acreditativo Celga IV do galego.

Os populares critican que Lara Méndez “se fíe máis do que diga a empresa adxudicataria sobre os coñecementos de idiomas dos traballadores que dun título oficial ou dun exame práctico”, afirmou o popular, xa que no prego establécese que “o dominio de inglés será acreditado pola empresa”.

O prego de contratación rexerá as condicións para os 5 museos da cidade, a oficina municipal de turismo e o punto de información turística de verán e sairá a licitación por un importe de 590.713,24€ por ano, un contrato cunha duración de 2 anos e a posibilidade de prorrogar o mesmo durante dous períodos máis, dun ano cada un. Dende o PP xa se amosou a súa disconformidade con este documento en reiteradas ocasións “non só polo asunto dos idiomas senón tamén por varias incorreccións ou incongruencias que advertiu o PP e que, tanto a alcaldesa como a responsable de cultura, recoñeceron que estaban erradas pero non quixeron corrixilos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com