O PP de Navia de Suarna urxe ao alcalde unha nova traída de auga

Hai días que os veciños do Concello lugués de Navia de Suarna quéixanse de que a auga que lles chega da traída, ven turbia. Non hai máis que abrir unha billa no municipio para comprobar a pouca salubridade que presenta a auga dende o pasado sábado. Esta situación está a afectar á vida cotiá de veciños e comerciantes que non poden usar auga corrente na súas vivendas.

O alcalde, José Fernández Fernández, culpaba nestes últimos días ás treboadas que provocaron subidas e arrastres do río. Así é todo, os populares urxían esta mañá ao rexedor a “axilizar os trámites para a construción dunha nova traída de auga municipal” coa que dar un servizo de calidade aos veciños do municipio.

O voceiro municipal do PP, Jesús Fernández, ponse do lado dos veciños e condena “os prexuízos que lles teñen causado os problemas de turbidez” que se deron no subministro de auga. Pero, como lembra o popular, “esta non é a primeira vez que sufrimos estes problemas, senón que levamos todo o ano co mesmo”.

Nese senso, Jesús Fernández critica a xestión do alcalde socialista que “non foi capaz de cumprir o compromiso de construción dunha nova traída como recollía no seu propio programa electoral”. Pero, aínda por riba, “culpa á  tormenta desta situación“ nun exercicio que o voceiro do PP define como “escusa de mal pagador”; xa que “se o rexedor local mantivera tamén en boas condicións a antiga traída, que está totalmente abandonada e en desuso dende hai tempo, agora tamén se podería facer uso dela”. Polo tanto, Jesús Fernández asegura que “este problema se debe ao desleixo por parte do alcalde socialista”.

Por outra banda, os socialistas, como non podía ser doutra forma, culpan ao PP. O alcalde aclarou esta mañá que a “nefasta xestión” dos lumes de outubro levada a cabo pola Xunta de Galicia e o seu non á dotación dunha nova traída de auga no Concello -comprometida e co seu respectivo proxecto en mans da administración autonómica dende o ano 2009- están a prexudicar aos veciños do municipio, pois isto derivou “nunha situación nunca vista na traída de auga municipal”.

Fernández explicou que co PSOE na Presidencia da Xunta de Galicia os veciños de Navia de Suarna tiñan garantida á dotación dunha nova traída de auga municipal, pois este proxecto foi presentado e entregado á administración autonómica, contando co seu visto e prace. Sen embargo, co cambio de goberno, o PP meteuno no queixón sen facilitar información algunha sobre o mesmo dende hai nove anos e ata a actualidade. Segundo o rexedor, o Partido Popular nega aos veciños de Navia de Suarna unha nova vía de canalización e captación de auga, así como unha depuradora de augas residuais, para a que o PSOE no Goberno da Xunta comprometera 670.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com