O PP de Sarria denuncia que a Oficina de Turismo volve estar pechada

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria lamenta que “novamente” a Oficina de Turismo da localidade “volva estar hoxe pechada sine die a cal e canto”. Os populares consideran “indignante” que non se ofreza este servizo un dos domingos con máis afluencia de visitantes de todo o ano, ao igual que sucedeu a fin de semana pasada, cando a oficina tamén pechou as súas portas ao público e mesmo durante a semana “non se cumpriron cos horarios de apertura correspondentes”. Desde o PP lamentan esta actitude “irresponsable” do actual equipo de Goberno e critican a falta de capacidade de previsión da rexedora “que se preocupa máis por saír na foto que por gobernar”.

Os populares aseguran que son “moitos os visitantes que se están a achegar hoxe a Sarria e se están a atopar con esta lamentable situación”, o que está a xerar, segundo precisan dende o PP, “numerosas criticas”. Neste eido, dende o Grupo popular critican que o actual equipo de Goberno “se dedicou a facerse fotografías na Oficina para saír nos medios de comunicación cando a realidade é que a xente segue a estar desatendida e non se está prestando un servizo de información turística fundamental para os visitantes”. “Montou un circo mediático pero a atención aos visitantes foi peor ca nunca”

Desde o Grupo Municipal Popular vólvenlle a recordar á rexedora que con esta actitude “está poñendo en perigo a declaración de Municipio Turístico de Galicia, concedido no ano 2010 á vila, “coas consecuencias nefastas que isto pode traer para o municipio”.

Os populares recordan que este título, polo que a localidade recibe unha serie de subvencións da Xunta de Galicia, “conleva unha serie de obrigas, como atender a Oficina de Turismo con persoal cualificado, cousa que non se está a facer desde o Goberno local”.

Estase transmitindo unha “imaxe lamentable” aos visitantes

Os populares denuncian que “unha localidade como Sarria, que é o pobo máis grande do camiño e polo que pasan cento de peregrinos diariamente, non se pode permitir transmitir esta imaxe de deixadez” e engaden que “esta situación prexudica directamente ao turismo, un sector do que viven centos de familias na vila”.

Esta situación reflexa unha total falta de previsión do actual Goberno local, que non se pode permitir “non atender aos visitantes que veñen a coñecer os recursos do noso municipio”, engaden. Así, acusan a alcaldesa de “irresponsable”, posto que coñecía as datas da Semana Santa de antemán.

Podía ter contratado persoal

Os populares poñen de relevo, ademais, que a alcaldesa “podendo contratar a alguén cualificado para atender a Oficina de Turismo non o fixera” e preferira botarlle a culpa ao servizo de Intervención. Recordan que ela mesma anunciou que xa se levantou o reparo para a contratación, procedemento aberto desde o mes de outubro. “Isto demostra que mentía cando dicía que era imposible contratar persoal, e que a súa actuación responde a unha total falta de previsión”.

Consideran lamentable que “leve máis de medio ano sen facer nada para arranxar este asunto e o faga agora, cando xa é tarde”. Desde o PP explican que “isto demostra que a alcaldesa mentía, e deixa ver que non había ningún problema legal para solucionar o procedemento, había un reparo de Intervención que se podía levantar como así fixo agora, cando lle interesou, o que pasa é que chega tarde”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo