O PP lamenta a “nula vontade” do goberno por “desatascar” o pago de “case todas” as facturas

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, lamenta a “nula vontade política” que amosou o goberno local para “permitir o desbloqueo” de “case todas” as facturas de anos anteriores.

Logo da Comisión de Contas desta mañá, o popular apunta que “a alcaldesa perdeu unha oportunidade para sacar adiante case todos estes pagos” ao non ter en conta a achega que trasladou Castiñeira na xunta de voceiros extraordinaria convocada hai dúas semanas, na que instaba aos socialistas a dividir as facturas en, polo menos, catro bloques: as que non tiñan reparos de legalidade por parte do servizo de Intervención; as que, malia a contar con reparos, si rexistraron avances na tramitación de cara á unha nova licitación; as correspondentes a servizos nos que non houbo ningún paso para a súa nova contratación; e as do departamento de Cultura por traballos que se realizaron “sen ningún tipo de procedemento de Contratación nin sequera consignación orzamentaria”.

“Estamos seguros de que se o goberno local tivera tido en conta esta proposta, si trasladaría a súa vontade por corrixir unha situación que non deixou de agravarse dende a chegada da alcaldesa”, explica o voceiro popular, quen advirte de que “no noso grupo político non admitiremos chantaxes de ningún tipo nin nos parece ético que se pretenda empregar a situación dalgunha entidade ou empresa particular para intentar forzarnos a validar unhas prácticas cada vez máis frecuentes”.

Nesa liña, Castiñeira afonda en que “a fórmula que lle pediamos aos socialistas era perfectamente viable”, tal como ratificou esta mañá o propio interventor municipal. “Pero o goberno local prefire seguir xogando á demagoxia e á manipulación en lugar de intentar regularizar esta situación”, subliña.

Así mesmo, o voceiro popular incide en que “dificilmente pode pedirlle o goberno local a ningún grupo político serio que valide que traballen sen contrato as empresas que xestionan máis do 40% dos servizos externalizados”, dado que 19 dos 47 servizos que actualmente se prestan para o Concello “se atopan nesta situación de irregularidade administrativa ao non ter respaldo contractual”.

Por último, Castiñeira censura a “irresponsabilidade” que “novamente” volve amosar o goberno municipal ao “non dar todos os pasos posibles para regularizar esta situación”, de cuxas consecuencias “semella que non son plenamente conscientes”, en referencia ao incremento no custe dos servizos de entre un 20 e un 30%, o aforro medio que se deriva de novas licitacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com