O PP reta aos socialistas a “deixar que goberne” a lista máis votada

O Partido Popular no Concello de Lugo defenderá no vindeiro pleno unha proposta para que se apoie o principio democrático de que goberne a lista máis votada e así garantir que a vontade popular “non se vexa alterada ou revogada por pactos postelectorais dos perdedores das eleccións”.

Neste senso, Antonio Ameijide reta aos socialistas Lara Méndez e Álvaro Santos a que recollan a luva e digan publicamente que aceptarán a opción elixida polos cidadáns para gobernar. Incluso, o voceiro popular pregunta aos socialistas se respectarán aos vencedores das eleccións e a orde das súas propias listas no caso de que as imputacións de Lara Méndez obriguen ao PSOE a “facerlle un ‘Orozco’ á desesperada á rexedora”, tendo a Álvaro Santos na recámara.

Desde o Grupo Popular se defende esta iniciativa baixo o argumento de que os concellos son as administracións públicas máis próximas aos cidadáns, aquelas que, no ámbito das súas competencias, ofrecen unha resposta inmediata ás súas demandas mellorando as súas condicións de vida, promovendo as infraestruturas sociais e económicas  necesarias, entre outras actuacións en beneficio dos seus veciños.

Ante esta realidade e a gran importancia que teñen os gobernos locais nas súas vidas, “os cidadáns deben ter garantido que a súa vontade, expresada nas urnas, non se ve alterada ou revogada por pactos postelectorais que desvirtúan e anulan o mandato da maioría.”

O voceiro popular explica que tralas eleccións municipais do ano 2015 “asistimos” en toda España, e no Concello de Lugo tamén, a pactos entre diversos partidos que, “arrogándose á capacidade de interpretar a vontade popular ao seu antollo”, situaron á fronte de moitos gobernos locais “a coalicións de perdedores” respecto das que os veciños opinaron, a través dos seus votos, que non desexaban que lles gobernaran.

O popular lembrou que o Concello de Lugo “é un claro exemplo” desta situación, onde Lara Méndez chegou á alcaldía desde o número 2 da lista do PSOE, por mor “das imposicións” dos partidos que “optaron por obviar” a vontade da cidadanía. Con esta decisión, tanto PSOE, como Lugonovo e BNG “someteron aos lucenses a catro anos de parálise e inacción, unicamente por non deixar gobernar ao Partido Popular, o partido que gañou as eleccións. Apoios entre perdedores que teñen facturas moi caras, como a que vimos a semana pasada coa retirada da ordenanza cívica para o Concello de Lugo”.

Por iso, o Grupo Popular pedirá ao pleno o seu apoio para solicitar o que “consideramos necesario e urxente”: a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG) para que se adapte á realidade da sociedade española e garanta aos cidadáns que a opción política que gozou da súa confianza maioritaria e foi a vencedora nas eleccións municipais teña a posibilidade de gobernar efectivamente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com