O SLG denuncia que a pasividade de Medio Rural levou a praga da pataca de 5 a 31 concellos

Trala xuntanza mantida esta semana entre a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, e as organizacións agrarias, para tratar a crise da couza guatemalteca, O SLG ten claro que “a Consellaría de Medio Rural segue de brazos cruzados nun problema que xa afecta os cultivos de pataca de 31 municipios do norte de Galiza. Por esa razón, dende o Sindicato Labrego solicitarán a inclusión deste problema na orde do día do Consello Agrario Galego convocado para o 14 de febreiro.

Dende o SLG, “temos que denunciar a confusión total que está a xerar a pasividade da Consellaría de Medio Rural á hora de abordar esta problemática. En primeiro lugar, Medio Rural dá a entender que, agora mesmo, o único que está prohibido é vender pataca fóra das zonas afectadas pola praga, recomendándose non cultivar. Mais, por outra banda, o Ministerio de Agricultura está preparando un decreto no que se imporá a prohibición de sementar”.

No medio desta confusión, entre as actuais recomendacións e a futura prohibición, “en boa parte da zona afectada a pataca de cedo estase a cultivar xa, faise tradicionalmente entre xaneiro e febreiro”, porqué “non houbo ningún aviso oficial que cominase a facer o contrario, sendo a única información accesible para as persoas interesadas a que está a aparecer nos medios de Comunicación”. Denuncia o SLG.

“Esta pasividade da Xunta levou a que esta praga, que xa se detectara o ano pasado cando afectaba só cinco concellos, se teña estendido agora a 31 municipios. E seguirase estendendo se non se actúa inmediatamente, xa que agora mesmo, tal e como dixemos, estase a plantar pataca a pesares dunhas recomendacións que non foron comunicadas, subliña o sindicato agrario. O peor é que as consecuencias de todo isto vanas pagar “os labregos e labregas, coma sempre, xa que a maioría xa mercaron a semente a pesares de que a Xunta coñecía dende o ano pasado a existencia do problema”. Todos eses cartos investidos en semente, agora perderanse. Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego pedirán “no Consello Agrario do 14 de febreiro indemnizacións e apoios económicos para a xente afectada, tanto para cubrir os gastos causados pola falla de información da Consellaría na compra de pataca de semente, como para cubrir o lucro cesante naquelas explotacións profesionais que teñen a pataca entre os seus cultivos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com