O Vicedo presenta na Casa de Galicia en Madrid a súa Romaxe Viquinga

O Concello do Vicedo presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid a celebración da Romaxe Viquinga 2018, que terá lugar os días 27 e 28 de xullo e que xurdiu tras o descubrimento dun posible asentamento viquingo no municipio.

Na presentación interviñeron o alcalde do municipio, José Jesús Novo Martínez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o dúo artístico Queiman e Pousa, en representación da parte artística do evento e o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

No acto presentouse a programación desta terceira edición da romaría, proxectouse un vídeo promocional con imaxes da pasada edición e Queiman e Pousa actuaron en directo con varias cancións do seu espectáculo nas que brillou a bela voz de Andrea Pousa. Entre o numeroso público que acudiu atopábase o humorista e presidente da Asociación do Humorismo Español, Toni Antonio, e o senador José Manuel Barreiro, lucense, que foi convidado a sumarse á presentación e expresou o seu apoio á Romaxe Viquinga do Vicedo.

Ónega resaltou que coa presentación recibimos na Casa “un eco do que fomos”. “O Vicedo súmase á serie de lugares que descubriron o seu pasado ou están a descubrir a gloria do que foron”, observou, lembrando que é, ademais, “un paraíso” do que el persoalmente gozou na súa mocidade, cando no verán visitaba ao cura párroco do municipio, don Luciano, o seu primo, e tiña ocasión de bañarse nas augas do río Sor. “Non é milagre que os viquingos arribasen a este paraíso e aquí asentasen dominio señorial”, valorou.

Novo Martínez explicou que “a Romaxe Viquinga nace por mor dunhas escavacións arqueolóxicas coas que se tenta demostrar que no municipio houbo un asentamento viquingo onde se reagrupaban para seguir navegando cara ao sur da Península”. “Nesta Romaxe téntase en certa medida reproducir o estilo de vida cotián dunha mota viquinga, con artesanía, vestimenta, armas, etc. Para iso, ademais dos espectáculos durante todo o día, organízanse talleres que nos achegan aínda máis ao estilo de vida desa época”, sinalou o alcalde do Vicedo.

Balseiro Orol resaltou que a localidade “asumiu como un reto colectivo, de todos os veciños e veciñas, consolidar esta cita como unha das principais propostas lúdico-culturais da Mariña. En tan só tres edicións, conseguiu ilusionar a todo un pobo e atraer o interese de visitantes de toda Galicia”. Un entusiasmo que, dixo, tróuxolles “a presentala en Madrid, na casa de todos os galegos e de todos os que aman a Galicia e á a súa cultura”.

A acollida do público nas dúas edicións anteriores superou as expectativas, con preto de 3.000 e 5.000 persoas, converténdose nun éxito de asistencia e participación. Segundo o delegado territorial da Xunta en Lugo, “a romaría é un convite ao goce, á recreación, á representación; a completar a historia imaxinando como puido ser o lugar dous Moutillós que habitaron os antigos castrexos e que se atoparían os viquingos, as naves dos pobos estranxeiros que chegaron á costa de San Román, quizá en busca de tesouros, quizá de novas terras ou dun asentamento temporal antes de continuar a travesía”.

Unha recreación que “se converte nunha escusa para descubrir os verdadeiros tesouros do Vicedo: as súas praias, as súas paisaxes, as súas xentes. E tamén nunha escusa para indagar e seguir buscando as raíces deste pobo”. Finalmente convidou a quen “poida achegarse a Galicia a que non se perdan esta romaría, un espectáculo  ingular nunha contorna única, que fará que sentan transportados no tempo e no espazo”.

Bruxo Queiman e Andrea Pousa destacaron que “as principais novidades desta terceira edición son a concentración nun mesmo lugar dos campamentos viquingos e cristiáns con artesáns, talleres e actividades e que haberá un intercambio cultural entre Galicia e Irlanda no que a asociación Lake Vikings de Dublín enviará a varios dos seus integrantes ata terras do Vicedo para enriquecer o compoñente cultural da festa, ademais participarán no desembarco viquingo”. “Tamén se incorporan ás actividades desta edición un enterramento e unha voda viquinga, un gran torneo cristián, espectáculos de lume e música e un desfile de traxes viquingos. Este ano vai ser unha celebración espectacular, con moita forza, pero sen esquecernos do importante, a zona do asentamento de Moutillós, xa que un pobo sen pasado non ten futuro”, engadiron.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com