Oliver Laxe expón a súa dilatada experiencia cinematográfica na Deputación

O director de cine Oliver Laxe, gañador de dous premios no Festival de Cannes, expuxo a súa experiencia no mundo audiovisual e a súa visión do cine de autor ante o numeroso público que asistiu á conferencia organizada pola Fundación TIC na Deputación. A charla, na que participaron os alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son da TIC, tamén serviu de clase maxistral de cara á súa formación.

O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, dixo na presentación que “temos o privilexio de ter con nós a Oliver Laxe que, con tan só 35 anos, xa é considerado un director de culto. Ademais, é unha sorte que alguén deste nivel sexa galego e con orixes na nosa provincia, xa que os seus avós maternos son dos Ancares. Pero a relación de Laxe coa nosa terra vai moito máis alá dos seus lazos familiares. A súa terceira película Aquilo que arde rodarase o vindeiro ano no noso idioma e en varias localizacións da provincia, entre as que destacan Navia de Suarna e a súa contorna”.

“Por iso, ademais de valorar e sentirnos orgullosos da nosa xente con talento, tamén me gustaría destacar o compromiso de Laxe cos Ancares e co noso rural. A nosa provincia ten un grave problema demográfico, e debemos buscar fórmulas para crear riqueza e asentar poboación no rural, unha das prioridades do Goberno da Deputación. Oliver Laxe, coa rodaxe desta película e outros proxectos que ten para os Ancares, é un exemplo do que se pode facer neste sentido”, apuntou Santos.

Segundo o patrón da TIC, “tamén é unha gran oportunidade para que os estudantes da nosa Escola poidan coñecer de primeira man a experiencia dun cineasta con destacados recoñecementos a nivel internacional”. Destacou entre eles, o Premio Fipresci da Quicena de Realizadores de Cannes pola súa primeira longa, Todos vós sodes capitáns, e o Premio da Semana da Crítica, pola segunda, Mimosas. “Sen ir máis lonxe, a revista New Yorker vén de elixir Mimosas entre as 35 mellores películas de 2017 a nivel mundial, e a semana pasada Laxe recibía o Premio da Cultura Galega”. Por iso, convidou aos alumnos da EIS a que “saquedes o máximo rendemento posible á oportunidade manter un contacto directo cun cineasta deste nivel. Para todos os que queredes formar parte do mundo audiovisual é un privilexio coñecer de primeira man a súa experiencia”.

Con esta charla arrancou un ciclo de masterclass sobre cine de autor que forma parte dun convenio de colaboración entre a Fundación TIC e Miramemira, a produtora audiovisual de Aquilo que Arde. O ciclo inclúe o encontro do alumnado con outros destacados profesionais que impartirán os seus coñecementos sobre pre-produción e produción, guión e dirección artística. Grazas a este convenio, os estudantes da EIS terán acceso a unha formación práctica nunha produción cinematográfica de proxección internacional. A finalidade é que o contacto directo con profesionais de prestixio contribúa a introducilos no sector e a súa inserción laboral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com