Os militantes socialistas abordarán os proxectos “abandonados polo PP” na provincia

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, informou hoxe sobre a celebración de 7 Encontros Comarcais Participativos, nos que todos os militantes do partido poderán abordar o conxunto de iniciativas que demandan os seus veciños nos 67 Concellos da provincia e ás que “o PP dende a Xunta non quere dar resposta”. “Entre todos os compañeiros faremos unha minuciosa análise das necesidades dos lucenses nos seus respectivos municipios e dos proxectos que se requiren para satisfacelas, que non se contemplan no Orzamento autonómico de 2019 para Lugo. Farémolo de cara a elaboración de emendas”, explicou Santo Ramos.

“Temos comprobado que todos os anos o PP na Xunta inclúe distintas partidas para uns poucos proxectos na provincia, que non chegaron a executarse. A situación repítese ano tras ano: mesmas iniciativas con distinto orzamento, que nunca se materializan”, advirte o Secretario Xeral.

Os socialistas reclaman uns orzamentos “xustos e equitativos en Lugo”, a provincia “sempre maltratada” polo Partido Popular, que reiteradamente “ten demostrado que trata aos lucenses como cidadáns de segunda ou terceira”, sendo xa moi grave que, segundo os socialistas, estableza categorías ou distinción algunha entre cidadáns. “Os lucenses tamén somos galegos, pagamos os nosos impostos e temos os mesmo dereitos que os veciños das restantes provincias”.

“Queremos uns presupostos nos que os lucenses contemos e nos que non se nos discrimine, xa non por vivir en Lugo, senón por facelo nun Concello ou noutro, unha concreta Comarca, como por exemplo a Montaña, que sempre foi e segue a ser a grande marxinada polo PP”.

“Estudaremos todas as nosas necesidades veciñais ás que ten que dar resposta a Xunta de Galicia por lei, porque é a administración galega coas competencias. Como partido dos veciños, defenderemos cada unha dela mediante a elaboración de emendas ao Orzamento autonómico para 2019 e empregando todas as posibilidades institucionais coas que contamos”, salientou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo