Os roubos en vivendas reducíronse a máis da metade durante o 2017 en Monforte

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Monforte, José Tomé, copresidiron esta mañá a xunta local de seguridade do municipio, na que participaron ademais representantes da Policía Nacional, o Subsector de Tráfico da Garda Civil, a Policía Autonómica e a Policía Local.

Das estatísticas da Policía Nacional despréndese que os delitos de maior consideración (os catalogados como graves e menos graves) rexistraron un lixeiro descenso en Monforte durante o ano pasado, diminuíndo tanto os delitos contra as persoas como os delitos contra o patrimonio. No caso destes últimos, salienta a baixada dos roubos en vivendas, unha das tipoloxías delictivas que maior preocupación xeran entre a cidadanía, que se reduciron a máis da metade. Descenderon tamén durante o 2017 as sustraccións de vehículos e os furtos. Pola contra, subiron as sustraccións de diversos obxectos do interior dos vehículos, aínda que a incidencia deste tipo delictivo é realmente baixa no municipio monfortino.

A xunta local de seguridade comprometeuse a seguir traballando conxuntamente e sumando esforzos para manter a tendencia á baixa da delincuencia en Monforte, como tamén para resolver as infraccións penais que se chegan a producir. Neste senso, lembraron que o grao de esclarecemento dos delitos de maior consideración que se denunciaron o ano pasado no municipio ronda o 70%. Nese mesmo período, a Policía Nacional de Monforte detivo a 94 persoas pola súa presunta implicación en feitos delictivos.

O subdelegado do Goberno informou ademais -como é habitual nas reunións das xuntas de seguridade- do traballo realizado no marco do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornasEste plan busca, mediante charlas impartidas por profesionais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, reforzar a educación, prevención e vixianza nos centros escolares poñendo á súa disposición a asistencia técnica necesaria para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos.

No curso 2016-2017 impartíronse nos centros de ensino de Monforte un total de 10 charlas dentro deste plan (5 sobre acoso escolar, 3 sobre violencia de xénero, 1 sobre riscos en internet e outra sobre os perigos do consumo de alcohol ou drogas). No que vai do actual curso académico xa se levan impartido outras 10, incorporando tamén a temática das bandas xuvenís.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com