Os traballos de estabilización do chan nos Ancares rematarán o vindeiro mes

A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, avanzou esta tarde que os traballos de recuperación das zonas afectadas polos incendios de outubro estarán rematados no vindeiro mes de decembro. Así o adiantou hoxe a directora xeral que supervisou os traballos que se están a levar a cabo na Reserva Natural dos Ancares.

Indicou que nesta reserva, ao igual que nas zonas afectadas no Parque Natural de Baixa- Limia Serra do Xurés e que suman un importe de máis dun millón de euros, se están a levar cabo traballos de estabilización do chan e de retención de sedimentos, co fin de evitar o arrastre do chan e outros restos aos cursos de auga que discorren nas vaguadas.

Na Reserva Natural dos Ancares procederase á limpeza de foxos, infraestruturas de drenaxe e canles por medios manuais, coa finalidade de que as augas discorran de xeito natural, evitando a formación de novos arroios que poidan provocan arrastres prexudiciais para o medio natural.

Asemade, os traballos para estabilizar o chan e favorecer a infiltración, limitar a escorrentía e reducir a chegada de sedimentos as canles contribuíndo o impacto na calidade da auga, consistirán no acolchado con mantas orgánicas de fibra de coco e o acolchado con palla de cereal. Ademais realizaranse actuacións de helimulching, que consisten en esparexer palla desde o aire para cubrir aquelas zonas ás que non se pode acceder a pe.

No caso dos traballos de retención de sedimentos, construiranse barreiras de malla biodegradable de coco e palla e de biomasa forestal, nas zonas de curva instalarase este tipo de barreiras ancoradas ao chan mediante estacas e, no caso de ser necesario, estudarase a posibilidade de empregar materiais como pedras para evitar as escorrentías. A revexetación destas zonas farase mediante o sementado manual en noiros con risco evidente de desestabilización, e de hidrosembrado en zonas de especial sensibilidade para os efectos erosivos.

Por último, Ana María Díaz indicou que a finais de ano farase unha avaliación da incidencia destas medidas na recuperación e estabilización dos solos, co fin de determinar o grado de recuperación ou establecer novos traballos de revexetación, se fora necesario.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo