Paradela recibiu máis de 400.000 euros para a veciñanza da Deputación para 2016

O Presidente, Darío Campos Conde, informou este luns que o Goberno da Deputación levou ao Concello de Paradela investimentos de máis de 400.000 euros do orzamento para 2016. Campos Conde subliñou que “a miña prioridade sempre foi, e é, pór a disposición do máis de 350.000 veciños dos 67 municipios lugueses os fondos desta institución, -pois correspóndelles, son cartos públicos-, para responder as súas necesidades e mellorar a súa calidade de vida”.

O titular provincial fixo estas declaracións nun encontro con ducias de veciños do núcleo rural de Castro de Rei Lemos, en Paradela, onde o Executivo Provincial financiou con 37.000 euros a dotación dunha nova traída de auga e a mellora de accesos viarios. Son actuacións que solicitaron os 500 veciños desta zona, eminentemente gandeira, pois nela atópanse unha decena de explotacións de leite e carne. Como mostra de agradecemento, os veciños convidaron ao Presidente e á Deputada ao xantar que celebran anualmente neste núcleo.

84.700 euros a través de colectivos veciñais

Campos Conde remarcou que “quero que a institución que presido, sexa unha Deputación coas persoas, social e rural. Por iso, respondemos ás peticións veciñais e ofrecemos novas prestacións públicas que melloren a calidade de vida e favorezan a vida no rural e do rural”, salientou. Deste xeito, xunto a estas actuacións de 37.000 euros, o Executivo da Deputación respondeu con outros 47.800 ás peticións veciños doutros colectivos do Concello de Paradela, financiando arranxos de máis camiños e traídas de auga, así como melloras en centros sociais ou programacións culturais e deportivas, que promoven as asociacións e equipos locais deste municipio.

Preto de 320.000 euros a través do Concello

Directamente a través do Concello de Paradela, o Goberno da Deputación fixo que os veciños deste municipio recibisen outros 320.000 euros para: mellorar o sistema de recollida de lixo municipal coa dotación dun novo camión, dotar dun novo parque no colexio público, arranxar o único tanatorio municipal,  acondicionar os camiños municipais en Laxe, Moutra, Vilachá, Tremeado, Bariz, Liz e Paredes de Arriba; así como a mellora a rede de alumeado público na Rúa Cabaleiros de Santiago.

Asemade mellorouse a sede electrónica municipal, tamén se aportaron dividendos para  Servizo a Domicilio dos maiores  e creáronse 2 postos de traballo de peóns. Do mesmo xeito houbo colaboracións en cultura e deportes.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com