O PP preséntase de cara ao novo curso como a “única alternativa ao desgoberno” de Lugo

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Antonio Ameijide, presentou esta mañá, no marco dun almorzo informativo, as liñas nas que o seu partido traballará nos vindeiros meses e nas que terán como punto central a “escoita activa” da opinión dos lucenses.

Segundo afirmou o dirixente do PP local, “temos pensado facer unhas 119 visitas aos diferentes barrios da cidade e as diferentes parroquias do municipio, tamén máis de 50 visitas aos diferentes sectores sociais e empresariais de Lugo”. Reunións que lle servirán aos populares para recoller as propostas e as denuncias dos veciños e poder así realizar unha labor de “fiscalización ante a falta de traballo e concreción de ideas” do goberno local. Para Ameijide é o traballo que lle toca a unha “oposición responsable que permitiu sacar adiante a modificación orzamentaria que supuxo un investimento importante para a cidade, algo máis de 6 millóns de euros que non son a proposta do PP, xa que cremos que é pouco ambiciosa e deixa de lado moitas zonas desta cidade e a zona rural”.

Por outra banda Ameijide, asegurou que traballan para mostrar, nos dous anos que quedan de mandato socialista no concello de Lugo, que son a única alternativa real ao que tildaron de “parálise e desgoberno” que sufre a cidade.

O voceiro popular tamén informou que pediu, na súa calidade de voceiro, unha reunión institucional coa alcaldesa para abordar temas enquistados e propostas do PP co ánimo de cambiar as malas prácticas económicas do Concello. “Nós temos claras cales son as nosas obrigas e unha tarefa prioritaria é evitar que continúe o bloqueo do Concello e para iso imos poñerlle deberes á alcaldesa” explicou o popular. 

“Queremos unha xestión planificada para que se liciten canto antes os contratos caducados e a aprobación do 100% do PXOM; tamén pensamos que é necesario un cambio de mentalidade para poñer en valor o patrimonio cultural, histórico e natural co obxecto de que Lugo gañe puntos dentro do sector turístico que pode chegar a ser unha das
principais fontes de riqueza para Lugo; queremos unha cidade para movernos con comodidade cun transporte público de primeira e na que a mobilidade sexa un factor a potenciar e tamén avogamos por ter un rural de primeira”, engadiu o voceiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com