O PP valora que Adif confirmase o seu compromiso “claro e decidido” para a chegada do AVE a Lugo

A presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo, Elena Candia; o voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro; o presidente do PP na cidade de Lugo, Ramón Carballo; xunto co deputado nacional, Jaime de Olano,
valoraron positivamente o encontro mantido esta mañá co presidente de Adif, Juan Bravo, e coa directora general de  explotación e construción de Adif, Isabel Pardo de Vera Posada. Dende a entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento, e segundo as palabras dos populares, confirmaron o seu compromiso “claro e decidido” para que a chegada da alta velocidade a Lugo sexa unha realidade.

Os dirixentes populares, que aseguran estar a promover as iniciativas e xuntanzas oportunas para que o que definen como “un compromiso irrenunciable” sexa unha realidade, precisaron trala xuntanza celebrada esta mañá na sede de Adif en Madrid, que no marco deste encontro Juan Bravo defendeu este investimento, que suporá máis de 700 millóns de euros. A realidade desta obra permitirá que se poda percorrer a distancia que existe entre Lugo e Madrid en torno ás tres horas.

De igual xeito, dende a directiva de Adif explicaron aos populares o estado dos diferentes procesos de licitación dos proxectos postos en marcha na rede ferroviaria, tanto a electrificación pendente entre Monforte e Lugo, como as variantes necesarias, é dicir, a posta en servizo da de Pobra de San Xillao ou os proxectos de Os Peares e Rubián así como outras obras de mellora en infraestruturas. Neste eido, compre lembrar que o Adif vén de licitar a redacción de proxectos de supresión de 36 pasos a nivel na liña Ourense-Monforte- Lugo.

“O PP foi a certificar a defunción do AVE”

O Secretario provincial do PSdeG-PSOE en Lugo, Álvaro Santos Ramos, e a Deputada do PSOE por Lugo no Congreso, Margarita Pérez Herraiz, valoraron a primeira hora desta tarde esta reunión do Partido Popular de Lugo cos representantes de ADIF. Santos Ramos destacou que “Candia viaxou a Madrid co seu cortexo fúnebre a certificar a defunción da chegada do AVE á provincia de Lugo, a certificar que os lucenses collerán o AVE en Ourense mentres goberne o PP e a certificar o desprezo do Partido Popular cos lucenses, tratándonos como cidadáns de terceira”.

Os socialistas subliñaron que “o PP de Lugo de novo se burla da intelixencia dos lucenses, pois toda a información que transcendeu da reunión de hoxe con representantes de ADIF é exactamente a mesma que recolle o Presuposto Xeral do Estado para 2017, presentado hai 9 meses, o pasado mes de abril, do que, “aínda que ao PP lle pareza imposible, todos os
lucenses nos lembramos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com