Quiroga e Castro de Rei acollen as finais de fútbol sala de ‘Xogade’

Quiroga e Castro de Rei acollerán esta fin de semana as finais de fútbol sala do programa de deporte escolar Xogade, que promove a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembrou que o fútbol sala é unha das modalidades con maior participación de entre a vintena de disciplinas deportivas que ofrece Xogade, unha iniciativa que pretende involucrar na práctica deportiva aos nenos e nenas para que adquiran valores positivos e hábitos saudables.

O programa, que avanza co curso escolar, péchase esta fin de semana con estas competicións ás que concorrerán en torno a 120 xogadores das distintas categorías. Así, o sábado, no pavillón municipal de Quiroga disputaranse a partir das 10.00 horas os partidos de semifinais e final de alevín e benxamín. Os equipos que xogarán as semifinais en alevín son a Escola Deportiva de Quiroga, o Lumieira de Lugo, Santiago de Foz e Lugo Sala. A final disputarase ás 18.00 horas.

En benxamín xogarán as semifinais os equipos das Escolas Deportivas de Guitiriz, o Ribeira FS e o CP Casás de Lugo, e as Escolas Deportivas de Lourenzá. A final disputarase ás 19.00 horas.

O domingo terá lugar no pavillón municipal de Castro de Rei a final de infantil, na que participan as Escolas Deportivas de Guitiriz, o ACD Xove, o Lumieira Lugo e o equipo de fútbol sala de Outeiro de Rei. Os partidos comezarán ás 11.30 horas e a final disputarase ás 17.00 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com