Ramon Carballo

Ramón Carballo reúnese con representantes da Administración Xeral do Estado na provincia

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, reuniuse esta mañá con responsables de diferentes unidades da Administración Xeral do Estado na provincia para analizar o funcionamento das mesmas. Trátase da segunda xuntanza que se celebra este mes no marco da denominada Comisión de asistencia ao subdelegado, trala celebrada o pasado 5 de abril con representantes dos departamentos con competencias en aspectos vencellados ás institucións penitenciarias e a violencia de xénero.

A Comisión de asistencia ao subdelegado é un órgano de asesoramento e apoio da Administración Periférica do Estado, que tén como obxectivo principal dar conta da situación dos diferentes servizos, así como favorecer unha maior cohesión e coordinación nas súas actuacións. De carácter informativo, esta Comisión pretende, en definitiva, afondar no traballo en equipo así como no intercambio de ideas e experiencias, co gallo de evitar disfuncións da Administración e mellorar o servizo prestado á cidadanía.

Os asistentes á reunión esta mañá coincidiron en subliñar o esforzo que se está a facer para conformar unha administración áxil, eficaz, próxima ao cidadán e con aproveitamento óptimo dos seus recursos. Estas cuestións foron destacadas en cada un dos informes de xestión que espuxeron os responsables dos diferentes departamentos representados na xuntanza, que presentaron ademais un balance das actuacións máis destacadas e a programación das principais liñas de actuación de cara aos vindeiros meses.

No encontro estiveron, ademais do subdelegado do Goberno, o secretario xeral e o vicesecretario da Subdelegación, Roberto Raposo e Luis Torres; a directora provincial do INSS e Tesourería, Olalla Ferreiro; a directora provincial do SEPE, María José Gómez; o delegado provincial de Economía e Facenda e Catastro, Luis Fernando Jácome; o director provincial do ISM, José Vicente Prieto; o delegado provincial do INE, José Manuel Colmenero; a delegada provincial de MUFACE, María Eugenia Mateos; e o delegado provincial de ISFAS, Javier Pérez, ademais de representantes da Axencia Tributaria e a Inspección Provincial de Traballo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com