Santo Grial e Angelo Colocci, limitadas a 30km/h e rúa Avutarda, sentido único

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo voceiro municipal, Miguel Fernández, e o inspector do Gabinete de Tráfico, Manuel Vázquez Sanjurjo, deu a coñecer este mediodía tres novas medidas de mobilidade inclusiva do Goberno, que desta volta chegarán aos barrios, concretamente ao da Piringalla, e que teñen como denominador común mellorar as condicións da cidadanía e da cidade.

Nesta liña, Méndez anunciou que a rúa Santo Grial, no tramo comprendido entre a rúa Lavandeira e Angelo Colocci, e a rúa Angelo Colocci, entre Santo Grial e Gallego Tato, serán zonas limitadas a 30 km/h. O inicio do repintado da nova sinalización, tanto horizontal como vertical, acometerase ao longo deste mes, momento no que pasará a ser efectiva esta medida, que se realiza nunha contorna co colexio con máis alumnado matriculado da cidade, Luis Pimentel, e con dous institutos que concentran uns 1.000 rapazas e rapazas -instituto Muralla de Lugo e Ánxel Fole-.

Ademais, ao realizar esta nova medida, o Goberno cumpre un acordo plenario, o de dotar de zonas 30 ás inmediacións escolares, ao igual que fixo xa na Avenida Ramón Ferreiro e na rúa Rodríguez Mourelo no pasado mes de outubro. O Goberno de Lara Méndez entende a mobilidade como “unha constante” que engloba
tanto grandes obras, como pode ser o proxecto de reforma da Volta da Viña vinculada á peonalización da Calzada da Ponte, enmarcada na estratexia Muramiñae, financiada ao 80% con fondos FEDER; como pequenas actuacións, “todas elas necesarias e complementarias, como esta sinalización, que persegue mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, que en definitiva, son os que moven ao Goberno, estando sempre no centro da xestión municipal”, expresou Lara Méndez.

Ao mesmo tempo que se produce este cambio de velocidade, tamén se repintará a sinalización de 9 pasos de peóns nestas rúas, e outros catro en Gallego Tato, onde recentemente se instalaron pasos de peóns con luces led. Complementarase a acción co repintado das marcas viais e os tres pasos de péons do cruce de Santo Grial con Mar Cantábrico e Manuel María. Paralelamente, tamén se realizará o cambio circulatorio na rúa Avutarda, pasando a ser de sentido único, todo elo coa finalidade de mellorar a seguridade e a circulación da zona.

“Con estas novas medidas, todas elas conxuntas, perseguimos unha cidade máis comprometida co medio ambiente, máis sostible e unha cidade pensada sempre nas persoas”, concluíu Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo