Si, hai saída denuncia o perigo de pechar o Punto de Encontro en agosto

A asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero alertou onte do “enorme risco” que supón que o colectivo que o xestiona -subvencionado pola Xunta de Galicia- decida pechar durante a primeira quincena de agosto o Punto de Encontro da cidade de Lugo (canella da Deputación, s/n).

Tal e como afirman dende a asociación, o uso deste Punto de Econtro vén determinado por unha resolución xudicial ante situacións conflitivas ou perigosas nas que se considera imprescindible que o intercambio dos menores se faga nun eido neutral e supervisado para garantir a seguridade do menor.

Segundo asegura Si, hai saída, é “totalmente inxustificable” que se expoña ás persoas que fan uso do Punto de Encontro Familiar e, “especialmente a menores” a unha “situación de tal risco”. “Especialmente -aseguran nun comunicado dende a asociación- nunhas datas, como son as do verán, na que de todos é sabido que a violencia de xénero experimenta un repunte”.

“Respectamos, por suposto, o dereito ao descanso do persoal do Punto de Encontro”, aclara Si, hai saída quen entenden que terían a “obriga” de proporcionar unha alternativa como substituír ao persoal durante eses días “máxime cando o devandito Punto de Encontro está a ser xestionado por un colectivo subvencionado pola Xunta de Galicia, polo que circunstancias como a que estamos a reflectir non deberían darse xamais”.

Asemade, a asociación resalta que “non ten xustificación” que durante o ano o Punto de Encontro estea pechado os luns e os martes e a tarde dos xoves.

“Esta situación, por outra banda, non é mais que a evidencia do desinterés que a Dirección do Punto de Encontro amosa por tentar solventar as numerosas eivas que existen no seu funcionamento e das que Si, hai saída leva moito tempo alertando, desde as lamentables condicións de acceso, prácticamente sen alumeado durante os meses de inverno, ata outras irregularidades as que, malia advertir repetidamente da súa existencia, non se lles deu solución, nin se albisca vontade algunha de facelo”, denuncia a agrupación contra a violencia de xénero.

A asociación lenmbra ademáis que, hai meses, o responsable do Punto de Encontro plantexou unha reunión con Si, hai saída, para tratar as eivas que se veñen denunciando dende hai tempo, e “aínda seguimos agardando que esa hipotética xuntanza chegue a concretarse”.

Así mesmo, desde Si, hai saída manifestan a súa preocupación “porque a seguridade de tantos menores e mesmo das súas nais, se poña nas mans dun colectivo que amosa unha mais que evidente despreocupación, ademais de descoñecemento, da realidade das situacións de violencia de xénero, do perigo que implican, e da gravidade de que, ninguén con competencia tome cartas no asunto, malia que esta situación non é descoñecida”.

Si, hai saída, lembra no seu comunicado que a violencia de xénero “non pecha por vacacións” e que o que está a acontecer no Punto de Encontro, “non é máis que outra evidencia a engadir” da situación de desprotección e indefensión á que están expostas as vítimas deste tipo de violencia e os seus fillos na cidade de Lugo; “situación que empeora notablemente nos meses de verán”, reivindica a asociación no seu comunicado que conclúe “é obvio que se está a facer oídos xordos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com