A tempada galega de pesca fluvial da comezo o vinceiro 19 de marzo con máis tramos de pesca libre sen morte

A tempada de pesca fluvial do 2017 arranca en Galicia o vindeiro 19 de marzo con novos tramos de pesca libre sen morte. Os espazos destinados para a práctica desta modalidade seguen a incrementarse na provincia. Así, para este ano, os interesados disporán dun total de 328 quilómetros de río para a pesca sen morte, que contrastan cos 199 que había en 2012.

Ademais, a tempada de pesca fluvial 2017, ofrece máis de 310.000 permisos para a práctica deste deporte en 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros así como 148 coutos.

Segundo indica a Orde anual que regula a pesca fluvial e que foi publicada no DOG en febreiro, a pesca debe facerse con cana, mosca artificial ou culleriña, anzol e sen engado natural e, con respecto á modalidade sen morte, é obrigatorio devolver as capturas á auga tras a súa extracción.

En canto aos horarios e días hábiles, e sempre con carácter xeral, o regulamento establece como inhábiles os luns, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves laborais da tempada poderase pescar, pero só na modalidade sen morte en todas as masas de auga, excepto o 13 de abril, Xoves Santo, que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

Sobre o intervalo de tempo habilitado para a práctica deste deporte, estará permitido pescar entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta, pero, para máis seguridade, as horas poderanse consultar na páxina web de MeteoGalicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com