UU.AA. pide “dilixencia” a hora de dar axudas aos gandeiros afectados polos lumes

A agrupación sindical Unións Agrarias celebrou hoxe unha asamblea nas parroquias de Donis e Doiras, no Concello de Cervantes, convocando a tódolos afectados polos Incendios da pasada semana nesta zona. Unha vez apagados os lumes e pasados os primeiros días de incertidume e o reconto de danos, o sindicato agrario puido constatar neste encontro un “descontento xeralizado con algunhas actuacións, onde os obrigaban a desaloxar as súas vivendas, sen pensar en salvalas do lume sendo as xentes conscientes, de que sair delas supoña quedar sen casa e sen nada, durante moito tempo”.

“Dende Unións Agrarias esiximos á Xunta de Galicia a dilixencia, urxencia e necesidade de que cheguen axudas directas a todos os afectados, ademais da necesidade urxente tamén de informar en que consiste e como se vai executar e a contía do Decreto de axudas publicado o 20 de novembro”, solicitan desde o sindicato.

Unións Agrarias esixe ao ente autonómico cubrir as necesidades inmediatas de alimento para os gandeiros deste Concello da montaña lucense xa que estiman que “se hai diñeiro para comprar palla para os montes, tamén tén que haber para suministrar palla e forraxe, para os animais, sen que teña que ser a solidariedade doutros gandeiros (afectados pola seca) a que solucione este problema”.

O sindicato pide a non aplicación das normas de prohibición de pastoreo en terras queimadas durante dous anos, e no desconto das axudas da PAC sobre terreos queimados, xa que suporían un dobre castigo para os agricultores e gandeiros afectados polo lume, “que non só viron mermada a súa base territorial e a posibilidade de alimentar ao gando, senón que terían o dobre castigo da perda de renda inducida por estas prohibicións”.

“Sabemos que é posible, xa que o Goberno de La Rioja, concedeu este ano axudas directas de 15€ por vaca, para todos os gandeiros afectados pola seca. Por todo elo, cómpre recoñecer e apoiar a actividade no medio rural galego, como única fórmula posible de obter un territorio seguro fronte aos incendios forestais catastróficos”, afirman desde Unións Agrarias, e anuncian que “ou se aposta polos agricultores e gandeiros e a viabilidade da súa actividade, ou o escenario inmediato na próxima década será o que estamos a ver en Portugal, onde o abandono da actividade produtiva en amplas zonas do territorio fai que os lumes catastróficos sexan imposibles de apagar, e onde este ano hai xa máis de 100 vítimas mortais”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com