Valdeflores, en Viveiro

Hai unha crenza moi común, moito máis ca unha lenda urbana, que acredita que os lugares con curta historia –civilizacións que non gardan memoria antiga- como os Estados Unidos de Norteamérica, aprecian calquera resto monumental que poden adquirir fóra para demostrar querencia polo pasado. E mosteiros completos alí transplantados certifican ese amor.

Continuación do anterior é a certeza de que en España, concretamente en Galicia, temos tal riqueza monumental, que moitas propiedades comunais esmorecen por falta desa atención que se ten que traducir en investimentos millonarios. En Lugo, exemplos como o Castelo de Caldaloba, o mosteiro de Ferreira de Pallares en Guntín, e ducias de castros monumentais acreditan a imposibilidade económica de afrontar as necesidades das nosas riquezas pétreas.

Súmase agora a esta penuria o mosteiro viveirense de Valdeflores, en perigo porque está pechado desde a marcha das últimas  monxas que o poboaron.

Entrando en Viveiro, desde Lugo, á esquerda, aparece o monumental mosteiro que foi fundado no século XV, declarado monumento nacional, con igrexa gótica do século XV, e edificio do XVII. Na igrexa, ademais dun lignum crucis, está a imaxe da Virxe de Valdeflores que a lenda quere que fora atopada por un labrego soterrada no lugar que hoxe ocupa o mosteiro.

Discrepancias entre as monxas que o servían, fixo que quedara desatendido, que se comente que desapareceron del dous valiosos códices, causando a xeral preocupación en Viveiro e a preocupación especial da Cofradía de Nosa Señora de Valdeflores polo peche deste  convento consustancial coa historia de Viveiro desde hai seiscentos anos.

Fálase xa de que naquel monumental edificio pode construírse un parador de turismo ou un xeriátrico, pero a preocupación vai moito máis aló, porque o peche dun mosteiro coma este significa a morte dunha institución insustituible, que non pode compensarse coa utilización física do inmoble, senón que é un anaco da nosa historia que morre porque non somos quen de manter memoria viva do que aquela institución supuxo  para a relixión, a cultura, e para a historia de Viveiro e de todos nós.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo