Vilalba Aberta denuncia o “total desamparo” dos veciños afectados por ataques de lobo

Despois de defender diante o Pleno unha moción relativa á protección gandeira diante do repunte dos ataques do lobo, Vilalba Aberta toma a iniciativa ao respecto dunha das preocupacións máis estendidas entre o conxunto da veciñanza das parroquias como é o ataque do lobo.

Unha decisión que, “chega logo de semanas e semanas de constante comunicación con veciños afectados” e despois de comprobar, no pleno ordinario de setembro, a “total pasividade dos restantes grupos con representación municipal” ao respecto dunha situación que cualifican de “absolutamente límite.”

Denuncian o abandono e o “total desamparo” dos veciños afectados e critican que, logo de arrincar do Goberno Municipal unha serie de compromisos plenarios, o Alcalde non movera un dedo para demandar da Xunta de Galicia “compensacións a prezos reais de mercado”, así como “a percepción das pagas en tempo e forma, tanto das facturas do servizo de veterinarios coma se ao final ten que procederse ao sacrificio do animal”.

“O gandeiro está farto porque as indemnizacións non cobren todos os gastos que xera un ataque” declaraba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, quen non quixo deixar pasar a oportunidade para volver a cargar contra o sistema adoptado pola Consellería de cara ao pagamento destas compensacións. Neste senso, aludiu á “total  indefensión” dos veciños das parroquias e á “responsabilidade civil subsidiaria” da Xunta, en tanto que “responsable última de xestionar as poboacións das distintas especies, incluídas as catalogadas coma fauna salvaxe.”

Unha responsabilidade que, para o voceiro asembleario “non poden recaer na conta corrente dos veciños afectados, senón que debera ser asumida polo conxunto das súas institucións”. A este respecto, instou a tomar exemplo de realidades tales coma a castelá, onde existen sentenzas que din que a Xunta de Castela e León é a responsable civil deses danos.

“No caso galego, e a día de hoxe, só existen unhas axudas moi deficientes para cubrir os danos causados polo lobo. Deficientes non só polo insuficiente da súa contía, senón porque ao gandeiro lle poden tardar máis de tres anos en facer o ingreso. Ademais, e por se isto non fora pouco, sabemos de varios casos nos que o afectado chamou para denunciar un caso de ataque e ninguén acudiu para levantar a acta”.

É por isto, que veñen de rexistrar unha nova petición de urxencia no Consistorio, a fin de demandar do Goberno Municipal que o Concello de Vilalba acometa de inmediato as xestións e contactos necesarios diante a Consellería, co obxectivo da actualización dos baremos por danos na maior brevidade posible, á vez que con vistas a axilizar o pago dos mesmos, cumprindo co límite máximo de días previamente establecido para a súa percepción.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com