Vilalba Aberta esixe protexer as explotacións gandeiras diante dos ataques de lobos

A asemblea de Vilalba Aberta quere que o Goberno Municipal tome medidas, “diante dunha das preocupacións máis estendidas entre a veciñanza das parroquias, isto é: a da problemática relativa ás cuantiosas perdas económicas que o conxunto dos gandeiros do Concello está a sufrir, froito do repunte dos ataques de lobos en Vilalba”.

Unha situación “absolutamente límite dende o punto de vista dos produtores/as de leite e carne”, que para a formación asemblearia esixe da “máis estrita unidade política do conxunto dos seus representantes municipais, con vistas a unha actuación coordinada entre Concello e Xunta de Galicia, a fin da súa definitiva e áxil resolución”.

Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro, o edil Modesto Renda, identificando como causa principal do incremento dos ataques “a imposibilidade de deixar restos animais nos montes que sirvan de alimento aos lobos. Foi a problemática das vacas tolas a que impediu deixar os restos de animais nos montes. Antes existía unha cantidade suficiente para que o lobo puidese comer, mais agora non se pode”.

Neste senso, criticou o “mal funcionamento” do sistema de axudas ás explotacións afectadas e instou ao Alcalde a “moverse”, demandando para os gandeiros “compensacións a prezos reais de mercado, así coma a percepción das pagas en tempo e forma, tanto das facturas do servizo de veterinarios coma se ao final ten que procederse ao sacrificio do animal”.

Por último, Vilalba Aberta esixirá tamén do Alcalde, que inste á Xunta a que a certificación dos danos ocasionados polo lobo se realíce no menor tempo posible, reducindo os actuais trámites burocráticos que están a ocasionar atrasos e a non certificación dos danos por parte da Consellería.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo