Vitoria do CD Lugo ante o Sevilla Atlético

Partido do CD Lugo no Anxo Carro por segunda vez esta semana, e co enfrontaba a un Sevilla Atlético que chegaba á cidade da muralla en busca da sorpresa. Os primeiros minutos repartían o peso do partido entre os dous equipos, cun Sevilla Atlético rápido e atrevido, en busca de espazos ás costas das liñas locais.

Co paso dos minutos os locais mostrabanse cada vez máis asentados, con liñas adiantadas, aproveitando a amplitude do campo, e reforzando a súa entrada por ambas as bandas, onde Igor Martínez e Pedraza convertíanse nos principais arietes dun equipo que alternaba transicións elaboradas con rupturas veloces a partir de tres cuartos de campo.

A primeira oportunidade para os de Luís César chegaba cun disparo de Joselu que Caro atrapaba con seguridade por abaixo. As chegadas sucedíanse con bo número de efectivos nas aproximacións, e as opcións de gol do Lugo aumentaban por momentos. Repetía Joselu como principal preocupación para os defensas sevillanos, executando unha vaselina dende a frontal que o meta resolvía nunha parada de galería con grandes reflexos.

A primeira metade chegaba ao seu fin con empate a cero no marcador, e con ambos conxuntos en busca da súa oportunidade para desnivelar a balanza.

Xa na segunda parte o Lugo continuaba a ter o dominio no xogo e o gol chegaba en forma de penalti, sobre Joselu, que o propio dianteiro se encargaba de transformar enganando por completo a Caro.

Luís César movía o banco, Iriome e Sergio Gil ingresaban no terreo de xogo, potenciando a parcela ofensiva. O conxunto local mantiña a súa firme aposta polo xogo de ataque, e aos argumentos dispostos no tramo final de partido, engadíase a incorporación de Caballero na súa reaparición coa zamarra albivermella. O CD Lugo lograba terminar o choque con tres puntos de moito valor para finalizar unha semana de intensa competición.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com