A Xunta autorizará aproveitamentos madeireiros en leiras lindeiras a montes veciñais

A Xunta de Galicia autorizará os aproveitamentos madeireiros naqueles espazos que linden con montes veciñais sempre que o particular acredite un título de propiedade válido. Esta medida busca ofrecer unha solución ao bloqueo que se estaba a producir con certas autorizacións de corta.

Con especial intensidade na provincia de Lugo un gran número de montes veciñais teñen unha delimitación imprecisa que se superpón ou invade –sobre o plano- terreos privados como consecuencia dunha deficiente planimetría elaborada fai como mínimo tres décadas. A estes propietarios impedíaselles realizar cortas.

A administración ofrece unha solución que garante a plena seguridade xurídica tanto para os propietarios particulares como para os montes veciñais, axilizando e simplificando o procedemento de autorización conforme a criterios técnicos. Todo isto co fin optimizar as distintas actividades forestais e sen menoscabo dos dereitos de ningunha das partes.

De feito, naqueles espazos que puidera ter lugar algún tipo de controversia, continúa plenamente vixente a posibilidade de chegar a un acordo extraxudicial coa comunidade de montes ou a vía xudicial, de ser o caso. A medida busca o desbloqueo administrativo sen prexulgar futuros deslindes e outros dereitos.

A administración autonómica pon en marcha estas medidas para dar solución a esta problemática consciente dos prexuízos que se estaban a producir e da importancia do sector forestal na economía da provincia.

Lugo é a provincia na que se corta a cuarta parte da madeira de España -3,5 millóns de metros cúbicos o pasado ano- e conta con case a terceira parte da superficie forestal de Galicia. Cun máis de 656.000 hectáreas, aporta o 32% do total do territorio forestal da Comunidade galega, que se sitúa nos 2,03 millóns de hectáreas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo