A Xunta celebra unha exitosa xornada de portas abertas do Auditorio

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de organizar esta mañá unha xornada de portas abertas para que o conxunto dos lucenses poidan coñecer o novo auditorio de Lugo, a que no futuro será a principal infraestrutura cultural da cidade e da provincia.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, foi o encargado de inaugurar esta xornada na que centos de persoas visitaron os distintos espazos e salas deste moderno e vangardista edificio promovido e financiado polo Goberno galego.

Balseiro lembrou que neste momento a obra civil xa está rematada, e que ao longo do próximo ano se completará coa dotación do equipamento escénico habitual dunha infraestrutura destas características, co obxecto de que poida entregarse aos lucenses a finais de 2018 ou, a máis tardar, principios de 2019.

O delegado territorial tamén explicou que esta xornada de portas abertas pretendía dar resposta a unha demanda cidadá, reiterada en diversas ocasións, que amosaba o seu interese de coñecer o auditorio, e ten como finalidade que o conxunto dos lucenses, e non só as autoridades, puideran visitalo, antes da súa inauguración oficial.

“Agora que a Xunta foi quen de promover unha solución de consenso e liderar o desbloqueo, non podíamos seguir privando á xente de coñecer o seu auditorio. Unha infraestrutura do máis alto nivel, con características similares, ou incluso superiores, a aquelas que xa existen noutras cidades galegas. Lugo non podía ser menos. Nin o será, co Goberno Feijóo”-dixo Balseiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com