A Xunta destina 407.700 euros a sufragar servizos e programas de inclusión social de sete concellos da provincia

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia destinou 407.700 euros a sufragar servizos e programas de inclusión social de sete concellos da provincia de Lugo. Así o declarou esta mañá o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quen subliñou que estas axudas van dirixidas tanto á dotación de infraestruturas, construción e mellora de centros de inclusión e emerxencia social, como ao desenvolvemento de programas polos servizos sociais municipais que teñan por finalidade a inclusión socio-laboral de colectivos en risco de exclusión.

Balseiro apelou á necesidade de lograr “un maior nivel de cohesión social, loitando contra a pobreza e calquera forma de discriminación”. En concreto, neste caso os colectivos prioritarios de actuación son a poboación xitana, poboación inmigrante e os menores en situación de vulnerabilidade. Os concellos beneficiarios destas axudas foron os de Quiroga, Lugo, Viveiro, Monforte, Burela, Vilalba e Guitiriz.

Os investimentos da consellería pretenden facilitar a posta en marcha de medidas dirixidas a compensar as dificultades que presentan determinados colectivos, así como adaptar os equipamentos e servizos ás necesidades das persoas usuarias, redundando nunha mellora na calidade da atención dispensada.

O delegado explicou que a Xunta desenvolve diversas liñas de acción para impulsar a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos, moitas delas en colaboración cos servizos municipais xa que “en numerosos casos son a porta de acceso ao conxunto de recursos sociais dispoñibles, o primeiro contacto que teñen os afectados”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com