Xunta e Goberno impulsan máis de 800 actuacións de rehabilitación en Lugo

A Xunta e o Goberno central destinaron 6.496.560 euros para impulsar máis de 800 actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de Lugo a través das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) declaradas no municipio, no casco histórico e no barrio do Sagrado Corazón.

Así o explicou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen fixo balance dos recursos económicos que o Goberno galego, en colaboración co Ministerio de Fomento, destinan a este programa que pretende a mellora dos inmobles e a urbanización de espazos.

A área de rehabilitación do casco histórico de Lugo foi declarada en 1998 e dende entón asináronse 14 convenios. A do barrio do Sagrado Corazón foi declarada no 2007 e asináronse tres convenios. O concello de Lugo non solicitou participar nos últimos acordos, renovados o pasado mes de outubro, polo que neste momento só conta cos remanentes do convenio do 2016.

O conxunto das actuacións elévase a 839, cun investimento mobilizado de 12.610.530 euros. En concreto, no casco histórico leváronse a cabo 526 actuacións, que suman 9 millóns de orzamento e para as que se distribuíron 3,8 millóns de euros en axudas. No Sagrado Corazón executáronse 313 actuacións, cun orzamento global de 3,5 millóns de euros, dos cales se sufragaron 2,6 millóns de euros a través das axudas do ARI.

A Xunta de Galicia e o Goberno central achegan os recursos económicos para outorgar estas axudas, mentres que o Concello é a entidade encargada de tramitalas a través da oficina municipal de rehabilitación.

“Alarde de datos estadísticos de fai 18 anos”

Ao paso destas declaracións do delegado territorial da Xunta, saiu esta mañá o edil de desenvolvemento sostible do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro, quen criticou duramente este “alarde de datos estadísticos de fai 18 anos” tras lembrar que o ARI do Casco Histórico comezou antes do ano 2000 e o do Sagrado Corazón arrancou en 2007 e rematou xa no 2011 cando, Balseiro “aquí non estaba”.

Piñeiro tildou como “curioso” que a Xunta “presuma” destas actuacións cando do 80% subvencionable nas épocas que máis cubrían estas axudas “o 50% subvencionábao o Ministerio e o 30% a Xunta no caso do Casco Histórico” mentres que no Sagrado Corazón cubría un 40% cada administración. Asemade asegurou que ao delegado da Xunt a”se lle olvida” que todas as actuacións de tramitacións realizaas o Concello pero, asegurou, “é moi bonito repartir cartos pero tamén hai que valorar o traballo que se fai”.

En canto á renuncia do Concello a solicitar, de novo, estas axudas, Piñeiro asegura que hai un “descenso importante” nas peticións co que o goberno local aínda conta con case 200.000 euros de remanentes de 2016. Asegurou, ademáis, o edil lucense que xa instaron en algunha ocasión a Ministerio e á Xunta que “estudases outras medidas para promocionar estas subvencións e que funcionasen”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com