A Xunta impulsa o sector agrogandeiro e o fomento de emprego en Pol

A Xunta de Galicia inviste 4,1 millóns de euros no desenvolvemento económico do concello de Pol, e faino para para mellorar as infraestruturas rurais, e impulsar, con axudas, o sector agrogandeiro e accións de fomento do emprego. Así o confirmou o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, nunha visita realizada hoxe ao municipio xunto co alcalde, Lino Rodríguez, con motivo da recente adquisición dun vehículo todoterreo tipo pick-up polo concello, cunha achega de 25.000 euros da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O vehículo será utilizado para labores de coidado medioambiental e de espazos naturais. Ao respecto, o delegado lembrou que a Vicepresidencia tamén concedeu ao concello de Pol 5.800 euros do Fondo de Compensación Ambiental e 173.225 euros do Fondo de Cooperación Local, entre outras axudas.

Balseiro destacou o peso que ten o sector agrogandeiro no concello de Pol e subliñou que a Xunta fomenta a actividade agraria mediante a mellora das infraestruturas rurais e as axudas directas aos gandeiros. Neste sentido, afirmou que a Consellería do Medio Rural destinou este ano ás explotacións do municipio 3,2 millóns de euros, en axudas da PAC, achegas para financiar plans de mellora e subvencións para mozos que se incorporaron ao sector.

Polo que respecta ás infraestruturas, están en execución as obras do proxecto de rede de camiños principais na zona de concentración parcelaria de Santo Estevo de Pol, por un importe de 428.339 euros, e tamén está contratada a asistencia técnica para a elaboración do acordo de reestruturación parcelaria por un importe de 20.328 euros. Igualmente, Medio Rural investiu 75.000 euros na mellora de camiños de acceso a núcleos e explotacións e en obras nos montes, tanto labores de silvicultura como melloras de pistas forestais.

A Xunta tamén favoreceu a contratación de cinco traballadores para os servizos municipais, a través do programa Aprol Rural, e subvenciona de novo un obradoiro de emprego no municipio -organizado nesta ocasión con outros catro concellos-, ademais de soster o servizo de axuda no fogar para persoas con dependencia, proxectos polos que destina ao concello 250.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo