A Xunta publicará mañá o periodo de exposición pública do Porto Seco de Monforte

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publicará mañá xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete ao trámite de información pública, durante o prazo dun mes, o proxecto de trazado da conexión do porto seco de Monforte de Lemos coas estradas autonómicas LU-933 e Nacional-120, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polas futuras obras.

Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante o acto de presentación desta nova iniciativa que suporá, unha vez que se complete, a mobilización dun investimento estimado en máis de 4,5 millóns de euros, se sumamos ás futuras obras de construción do novo vial os recursos previstos para a expropiación dos terreos necesarios e reposición dos servizos afectados.

Balseiro salientou que o compromiso do Goberno galego é completar os accesos a esta plataforma loxística para que sirva como infraestrutura estratéxica para atraer novas empresas e nova oportunidades de emprego á comarca, toda vez que se consolide o proceso de recuperación económica.

Este novo paso dáse tamén despois do recente remate das obras de construción da nova depuradora, financiada ao 50 por cento pola Xunta de Galicia pese a ser un ámbito de competencia municipal (cun investimento de ao redor de 143.000 euros por cada unha das partes) que servirá para proporcionar un servizo de saneamento do que se carecía e vital para que as empresas poidan instalarse nas distintas parcelas.

O delegado territorial tamén explicou que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) acorda acumular e desenvolver nun só acto o trámite de información pública do futuro trazado e o relativo ás expropiacións, o que axilizará notablemente os pasos seguintes que en todo caso pasan por resolver, de producirse, as alegacións que poidan presentarse por particulares ou organismos antes do 15 de febreiro de 2018, data límite para facelo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com