Xustiza histórica

Quen circule pola vella N-VI, en dirección a A Coruña, á altura do Parque empresarial de Guitiriz, e mire á esquerda, verá que o Monte de Santa Mariña medrou seis metros desde hai uns días. E  quen vaia preto desa zona, pola A-VI tamén poderá velo.

Os seis metros que agora ten a maiores este monte son de aceiro, compoñendo –aguzada pirámide triangular- como unha saeta que apunta ao ceo pedindo recordo de feitos e de xentes, para que nunca esquezamos a intención coa que este monumento foi erixido.

Aquela parroquia de Santa Mariña de Guitiriz, onde rematan as terras de Lugo e van comezar as da Coruña, era escollida polos falanxistas coruñeses no verán do 36 para vir librarse de elementos que estimaban perigosos polas súas accións e polas súas ideas. E así sábese que existen na parroquia foxas comúns onde foron soterrados de xeito anónimo mortos que aparecían nas cunetas onde quedaban como exemplo para que todos soubesen o perigoso que resultaba opoñerse á nova Orde que nacía. E como en Santa Mariña foron detidos os tres irmáns coruñeses coñecidos como “Os da Lexía”, logo fusilados na Coruña, o que está declarado “Veciño necesario” de Guitiriz, e imprescindible chairego da Cultura, Alfonso Blanco Torrado, levaba varios anos teimando por erguer un monolito na súa memoria.

Como agora Alfonso, por serios motivos de saúde, está algo arredado da actividade cultural, Xermolos e os seus amigos máis de preto ergueron ese monumento incluíndo nel a Alfonso, figurando a súa efixie en aceiro para testemuñar o agarimo que todos sentimos por el.

Quen queira achegarse a esa pirámide triangular en homenaxe aos da Lexía e a Alfonso, déixese guiar pola agulla que sinala ao ceo, á que se pode chegar entre toxos, facendo carreiro, e párese a pensar á súa beira en que se trata dunha acción de xustiza póstuma para tres sacrificados hai oitenta e dous anos, e de honra para o seu mentor, o grande Alfonso de Guitiriz.

Quen queira só velo de lonxe, mire á esquerda, e comprobará que unha obra de Valdi, en aceiro, pode chamar a atención do que a contempla e, lembrando o seu significado, conmoverlle o corazón. Porque hai agullas que pinchan na alma.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo