Lugo Monumental pedirá modificar o acceso a dous garaxes no carril das Estantigas

Lugo Monumental rexistrou durante o día de hoxe unha petición no concello de Lugo para que se modifique a ruta de acceso a dous amplos garaxes situados no carril das Estantigas, minimizando a invasión de rúa Nova e de rúa San Froilán, que actualmente sofren unha considerable carga de tráfico innecesario.

O tramo da rúa Nova que está entre a rúa Montevideo e a Rolda da Muralla non debería ter tráfico algún, xa que non hai inmobles con garaxe nese tramo. Con todo, os peóns ven que pasan unha considerable cantidade de vehículos por esa zona, e a razón son dous amplos garaxes situados no carril das Estantigas. Por razóns incomprensibles para a asociación os usuarios deses garaxes vense obrigados a rodear unha mazá enteira (Quiroga Ballesteros, San Froilán e Rúanova) en lugar de seguir unha ruta recta pola rúa Amor Meilán, o que lles permitiría acceder ao inmoble con moita máis comodidade e cruzando puntualmente a rúa Nova en lugar de transitar por ela e facer polo menos dous xiros.

Doutra banda, a rúa Amor Meilán conta con polo menos oito vaos, polo que non se pode impedir o acceso de tráfico rodado que acode aos seus garaxes. Iso fai que o lóxico sexa que se elixa a ruta máis directa aos garaxes do carril das Estantigas, instalando unhas bandas rugosas que reduzan a velocidade nos límites da rúa Nova.

Lugo Monumental propón, por tanto, que polo momento o acceso se realice desde Amor Meilán, e que se planifique a futura adecuación do carril das Estantigas para que desemboque na rúa Montevideo, o seu acceso máis lóxico. Por último, indica a asociación, “o único impedimento para entrar por Amor Meilán son unhas xardineiras que se deberán retirar, e que mesmo se poderían situar na rúa Nova para impedir o acceso de vehículos a esa zona”, que debería ser totalmente peonil. “Unha vez máis insistimos en expór sinxelas actuacións que permiten encamiñarse cara a avances na peonalización total do centro histórico, que Lugo Monumental considera que hai que perseguir como obxectivo final, aínda que para lograr que isto sexa factible hai que tomar unha serie de medidas previas como a mellora do transporte urbano e as rutas peonís na cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com