Adxudicado o contrato de conservación e mantemento da Muralla

A Consellería de Cultura e Turismo vén de adxudicar o contrato de conservación e mantemento da Muralla de Lugo, que suporá un investimento de 235.000 euros para os próximos doce meses.

A empresa adxudicataria –Restauracións e Construcións Luís J. Sánchez, S.A  (Resconsa)– será a encargada de garantir a conservación dun dos símbolos máis senlleiros da nosa Comunidade Autónoma e que é, ademais, Ben de Interese Cultural e Patrimonio da Humanidade.

O proxecto de intervencións contratado recolle actuacións continuas e periódicas para previr e corrixir os danos causados por axentes ambientais e outras actuacións como son a reparación dos solados, das fábricas e topetes. Tamén se restauran elementos como revocaduras, estruturas metálicas ou varandas.

Doutra banda, tamén se realizará unha limpeza da pedra e se retirará a vexetación do paseo peonil (adarve), escaleiras e dos muros exteriores e interiores dos cubos e lenzos. Esta operación, que se realiza de xeito manual, desenvólvese en colaboración coa Universidade de Santiago coa finalidade de estudar novos tratamentos e a eficacia dos mesmos.

O plan adxudicado hoxe tamén inclúe o mantemento da instalación eléctrica e de iluminación, así como mantemento xeral de elementos construtivos e outras instalacións, incluíndo a execución de diferentes obras de reparación e supervisión semanal.

Desde a Xunta lembran que, de xeito paralelo a esta actuación de conservación ordinaria, tamén están previstas a inminente contratación de novas obras de consolidación estrutural, en concreto no cubo VII e lenzo interior da súa contorna inmediata, ás que se destinan 324.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com