As obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, obrigarán a pechar ao tráfico durante toda a mañá do martes o tramo entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria norte.
Nas últimas semanas programáronse os traballos con explosivos de xeito que só foi preciso restrinxir a circulación os martes, mércores e xoves non festivos entre as 13.00 e as 15.00 horas.
Neste momento, e segundo informa a Delegación da Xunta en Lugo, é necesario realizar microvoaduras, o que significa maior número de explosións aínda que con menos carga total, polo que o martes adiántase o horario de peche ás 9.30 horas para poder levalas a cabo. O treito afectado discorre, en concreto, entre os enlaces do quilómetro 13 (O Páramo, A Pobra de San Xiao) e o do quilómetro 22 (Sarria norte, Morelle).
O mércores pecharase ao tráfico, xa co horario que estaba establecido, entre as 13,00 e as 15,00 horas, o tramo entre o enlace do quilómetro 22 e o do quilómetro 26 (Sarria Sur, Albán).
En todos os casos, os desvíos estarán debidamente sinalizados e o traxecto alternativo realizarase pola estrada LU-546.